El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

A USC oferta para o vindeiro curso dez novos mestrados

03-07-2018 12:12:20
Presentado dez novos mestrados.

Santiago.- A oferta de mestrados oficiais da Universidade de Santiago de Compostela ampliouse a un total de 63 títulos para o vindeiro curso, varios deles coa posibilidade de estudalos en Santiago e Lugo e en modalidade presencial ou virtual. O novo mapa de formación de posgrao da USC presentouno este martes en rolda de prensa o reitor Antonio López Díaz acompañado da vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar. 

Os títulos que se incorporan á oferta este ano por primeira vez son os de Biodiversidade terrestre e xestión do medio natural, Enerxías renovables, Cambio climático e desenvolvemento sustentable, Investigación e innovación en didácticas específicas para Educación Infantil e Primaria, Operacións e enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados (Lugo), Xeoinformática, Erasmus Mundus Encrucilladas nas narrativas culturais, Xenómica e Xenética (en modalidade presencial en Lugo ou semipresencial), Computación de Altas Prestacións (presencial ou a distancia) e os de Optometría e Economía na modalidade semipresencial. 

Ademais, hai varios títulos que se poden cursar tanto en Santiago como en Lugo; é o caso dos mestrados en Dirección de Empresas e en Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Ensinanzas de Idiomas. Con respecto aos necesarios para a exercer a profesión, na USC impártense tres títulos habilitantes –Enxeñaría Agronómica, Enxeñaría de Montes e Profesorado, os tres en Lugo e o último tamén en Santiago– e o de Avogacía, non obrigatorio pero si vinculado ao exercicio da profesión. 

Do total da oferta, son 27 os mestrados cuxa organización é interuniversitaria, dos que 15 coordina a USC. Ademais, a institución compostelá ofrece dous exclusivos: o de Optometría en modalidade semipresencial e o de Enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sustentable.


Matrícula

O prazo para solicitar praza nalgún dos mestrados tanto por criterios xerais ou específicos -que contempla outros aspectos ademais do expediente- así como para o de Formación de Profesorado rematará este 20 de xullo. No caso de haber más demanda que prazas ofertadas, publicaranse a lista de admitidos e a lista de agarda o día 27; e a matrícula deberá formalizarse entre o 30 de xullo e o 1 de agosto. No caso dos mestrados con sistema de matrícula directa, o prazo está xa aberto e estenderase ata o 14 de setembro. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias