Cabanas.- Máis de
1.600 establecementos de hostalaría pertencentes a 39 concellos das catro provincias colaborarán
co proxecto impulsado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do
Territorio para fomentar neste sector unha separación e reciclaxe máis eficaz
dos seus residuos.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación
do Territorio, Beatriz Mato, participou hoxe na presentación da iniciativa
no concello de Cabanas, o primeiro municipio da comarca de Ferrolterra en
incorporarse ao proxecto e un referente na contorna polo seu potencial
turístico e hostaleiro, e nos que xa están adheridos 30 establecementos. Así,
Mato Otero lembrou que o pasado ano Cabanas recuperou unha media de 14 quilos
de envases por habitante, cifra que aspira a seguir mellorando e que supera xa
de forma notable a media de Galicia, que foi de 10,5 quilos.
O chamado
proxecto Horeca é unha iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente
en colaboración con Ecoembes e aberta a todos aqueles concellos e entidades
locais que se queiran adherir de xeito voluntario. O obxectivo é fomentar a
participación da hostalaría na recollida selectiva municipal de envases cunha
dobre finalidade: a formación e a profesionalización do sector neste sentido, e
o incremento das taxas de achega de envases lixeiros e a diminución da
porcentaxe de impropios.
A
conselleira, que estivo acompañada polo xerente de xestión local e
autonómica de Ecoembes, Fernando Blázquez, explicou que nunha primeira fase da iniciativa, realizouse
un inventario de establecementos en Galicia pertencentes ao canal Horeca
(hoteis, restaurantes, cafetarías e catering) co obxectivo de rexistrar
as súas necesidades en materia de reciclaxe. Nesta fase sumáronse xa os
concellos de Santiago, Curtis, Santa Comba e Laxe, na provincia de A Coruña; a
Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Moaña e Cangas); Marín, Salceda de Caselas e As
Neves en Pontevedra; a cidade de Ourense e os concellos de Allariz, Ribadavia,
O Carballiño, Xinzo de Limia, A Rúa, Verín e A Gudiña, na provincia ourensá; e
Ribadeo, Foz, Viveiro, Monforte de Lemos e Vilalba, en Lugo. En total,
adheríronse 899 establecementos.
Máis
recentemente, tamén teñen amosado o seu interese no proxecto, ademais de
Cabanas, Pontedeume, Cedeira, Melide, Ribeira, Carballo e Padrón, todos eles na
Coruña; Burela, Barreiros e Lugo; O Barco de Valdeorras; e Sanxenxo, Barro, O
Grove e Cambados, en Pontevedra. Nestes concellos estímase nuns 745 a cifra de
locais participantes.
Deste xeito,
unha vez completada a análise da situación e das necesidades en cada concello
de forma individual, entre as accións previstas no proxecto figura o reparto
dun total de 1.450 colectores de envases así como a realización de medidas
formativas dirixidas a converter aos profesionais dos establecementos adheridos
en auténticos ecohostaleiros.
Estratexia
global a prol da reciclaxe
O proxecto
Horeca, en todo caso, non é a única iniciativa no eido da reciclaxe que se está
a impulsar desde a consellería senón que forma parte dunha estratexia global.
Así, recentemente púxose en marcha a campaña EtiDeQuenVesSendo, coa que
se pretende chegar no ano 2020 á reciclaxe de preto de 50.000 toneladas de
vidro, un obxectivo no que a participación do sector hostaleiro tamén é moi
importante tendo en conta que é o responsable de case o 51% dos residuos deste
tipo que se xeran.
Segundo
explicou a conselleira, a cultura a favor da reciclaxe, tanto do vidro como
doutros materiais, ten notables beneficios para o medio ambiente, xa que aforra
enerxía, reduce as emisións de CO2, evita a extracción de materias primas e
sobre todo, ofrece unha nova vida útil aos residuos, converténdoos de novo en
recursos e contribuíndo así a que se cumpra a máxima principal da economía
circular.
Outras
liñas de colaboración
O proxecto
Horeca forma parte dunha estratexia máis ambiciosa de colaboración entre a
Consellería de Medio Ambiente e o sector da hostalaría, un dos que máis peso
ten na economía galega e cuxa actividade xera grandes consumos de enerxía e
auga e altas emisións de gases efecto invernadoiro. Por este motivo, a
conselleira subliñou a importancia de favorecer a implantación de condutas que
fomenten a sustentabilidade entre hostaleiros e restauradores, un sector
profesional, recalcou, “cun alto nivel de concienciación”.
Neste
sentido, agradeceu tamén a colaboración dos establecementos deste sector na
iniciativa piloto impulsada polo seu departamento a finais do ano pasado para
fomentar a redución do desperdicio alimentario, un tipo de residuo que no ano
2030 a Unión Europea pretende reducir nun 50%. Así, a través dun convenio
subscrito coas asociacións de empresarios de hostalería das catro provincias, o
proxecto ofrece aos clientes dos locais adheridos a posibilidade de levar a
comida non consumida nuns recipientes biodegradables e reutilizables, para
garantir o seu aproveitamento posterior nos seus fogares.
Nesta mesma liña, enmárcase tamén a guía de
recomendacións para reducir o desperdicio alimentario que lanzaron hai uns
meses a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, un
compendio con cinco sinxelas recomendacións para evitar que a maior parte da
comida que compramos acabe no lixo.