Lisboa.- O presidente da
Xunta, Núñez Feijóo, e o presidente da República Portuguesa, Marcelo
Rebelo de Sousa, abordaron hoxe a posibilidade de facer unha fronte común
estable entre ambos os territorios para que os aspectos relacionados coa
demografía e o avellentamento poboacional sexan unha prioridade en todo o
ámbito europeo.
Nesta liña, avaliaron a necesidade de crear unha estratexia demográfica
intelixente: primeiro para afrontar a realidade tal e como é neste momento; e,
segundo, para revertela. “A demografía ten que ser unha prioridade de primeiro
nivel, como o está a ser no ámbito da Eurorrexión, onde estamos a levar varios
proxectos, para mellorar as condicións de vida e tamén os servizos aos maiores”,
explicou, ao que engadiu que ambos territorios seguirán reclamando que a
demografía se teña en conta á hora de decidir o futuro dos fondos de cohesión.
Tras a reunión, ambos os mandatarios coincidiron en aproveitar a
fortaleza da cooperación entre os dous territorios para, entre outros aspectos:
seguir gañando centralidade en Europa, reforzar a cooperación económica, cunhas
infraestruturas máis modernas, e aproveitar con máis intensidade os lazos
culturais.
No eido europeo, Feijóo e Rebelo de Sousa repasaron os logros acadados
pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como o micromercado común de seis
millóns de persoas ou o Programa Iacobus no ámbito universitario. “E xuntos
gañamos masa crítica ante as institucións europeas, algo básico para conseguir
apoio a novos proxectos e, sobre todo, acadar que se atendan as nosas demandas
no próximo reparto de fondos europeos”, engadiu o responsable do Executivo autonómico.
En relación á cooperación económica, o titular da Xunta e o presidente da
República Portuguesa analizaron os datos que día a día constatan a
consolidación da recuperación económica tanto no conxunto de España como de
Portugal. Ao respecto, consideraron un bo momento para reforzar tamén os lazos
económicos. Non en van, Galicia e o país veciño coinciden no camiño da
innovación, reflectida na Estratexia de especialización intelixente, aprobada
na Eurorrexión; no camiño da economía circular, cun proxecto piloto de simbiose
industrial que podería ampliarse a outras empresas galegas e portuguesas; e no
impulso de sectores estratéxicos como o aeroespacial, a automoción, o
agroalimentario ou o marítimo.
Ademais de ser conscientes de que todo iso se fará moito mellor cunhas
infraestruturas máis modernas, o presidente da Xunta trasladou tamén a
importancia de reforzar os vínculos culturais en ámbitos como o da lusofonía,
onde xa se está a colaborar moi estreitamente: cunha Lei Paz Andrade, co
ingreso en 2016 como observadores na Comunidade de países con lingua
portuguesa; con case 2700 alumnos que estudan portugués; e con producións
audiovisuais conxuntas.
Por último e en relación ao sector turístico, o titular da Xunta expuxo a
oportunidade que supón o ano santo 2021 para os dous territorios con
actividades conxuntas, reforzando a marca ‘Dous países, un destino’ e
aproveitando os fluxos de peregrinación entre Santiago de Compostela e Fátima.
Feijóo aproveitou o encontro para invitar o presidente da República
Portuguesa a visitar a Comunidade galega. Unha invitación que Marcelo Rebelo de
Sousa agradeceu e acolleu positivamente; “polo que esperamos velo pronto por
Galicia”, aseverou.