O presidente da
Xunta, Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación de novas liñas de
axudas para paliar os danos da explosión pirotécnica no Concello de Tui que ata
o de agora ascenden a máis de 7 millóns de euros no ámbito da vivenda.
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo lembrou que a Xunta actuou coa
maior axilidade posible desde o primeiro momento, con atención médica e
psicolóxica aos afectados; ofrecendo solucións para que os dous menores que
quedaron orfos poidan continuar coa súa vida -unha reposta na que están
implicados tanto os servizos de menores da Xunta, que son os que teñen a
tutela, como unha familia de acollida-; e coas axudas ás familias afectadas.
Sobre este último punto, precisou que o 30 de maio a Xunta xa aprobara un
Decreto de medidas urxentes para axudar á reparación dos danos e o 5 de xuño,
dúas semanas despois da explosión, publicáronse no DOG esas medidas urxentes
para pagar os gastos de aloxamento das persoas que non puideron seguir vivindo
nas súas casas e para reparar os danos nas vivendas.
Máis polo miúdo precisou que, a día de hoxe, as axudas para afrontar os
gastos de aloxamento provisional recibiron 14 solicitudes, das que 13 están
resoltas, concedidas e pagadas xa as mensualidades correspondentes e hai unha
que está en tramitación que foi presentada este mesmo luns. Segundo lembrou, o prazo
para solicitalas remata o vindeiro luns 9 de xullo e os afectados só teñen que
presentar un certificado do concello.
Sobre as axudas para reparar os danos nas casas e no enxoval, recibíronse
34 solicitudes, 12 das cales ao longo da última semana (desde o 27 de xuño).
Delas, 14 están xa resoltas e concedidas e 8 pediron o seu pago anticipado, que
se lles concedeu este mesmo mércores. O resto de
expedientes están en tramitación dado que moitas se presentaron os últimos
días.
Logo de avanzar que a Xunta vai valorar as necesidades económicas dos
dous menores que quedaron orfos e buscar a forma de axudar as familias de
acollida ou, directamente os orfos, o titular do Goberno galego anunciou que a
Consellería de Economía, Emprego e
Industria encargarase de compensar os danos provocados pola explosión para
establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís. A Xunta vai
achegar ata 500.000 euros ampliables no caso de que fose preciso, cun prazo dun
mes para resolver as solicitudes e 15 días para pagar.
Por último, a Consellería do Medio Rural, ocuparase de axudar aos
titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras que sufriron danos por mor da
explosión, a través de tres liñas: a
primeira estará destinada á reparación de bens, maquinaria, equipamento ou
medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras, cun límite máximo
de 25.000 euros por explotación. A segunda terá como obxectivo a compensación
pola perda total ou parcial da produción agrícola das explotacións agrícolas e
gandeiras, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros. E a
terceira liña compensará pola morte de gando ou a perda de colmeas en
explotacións apícolas, con diferentes importes segundo a especie e cun límite
por persoa de 15.000 euros.
Os interesados terán para solicitar estas tres axudas 15 días naturais a
partir da súa publicación no DOG.
Deste modo, Feijóo fixo fincapé en que o Goberno galego segue apoiando
coa máxima celeridade posible ás persoas afectadas pola explosión do pasado 23
de maio, valorando o feito de que se levantase a prohibición xudicial de
acceder á zona para retirar os escombros.
O presidente da Xunta reiterou a necesidade de que todas as
Administracións colaboren, ao igual que xa o estamos a facer desde a Xunta e
desde o Concello. Neste senso, ve fundamental que a Deputación de Pontevedra axude
tamén aos veciños así como que o Goberno central colabore para paliar os
efectos dunha neglixencia que se produciu nun ámbito de competencia
exclusivamente estatal. Segundo asegurou, así llo solicitará ao presidente do
Goberno central na cita que terá con el a vindeira semana.