O presidente do
PPdeG, Núñez Feijóo agradeceu esta tarde aos seis precandidatos que
deran o importante paso de optar a presidir o partido así como a cordialidade e a
deportividade coa que se está levando a primeira parte do proceso.
“Estamos participando nunha decisión
importante para o noso partido e para a democracia española”, indicou logo de
exercer o seu dereito a voto para a primeira volta do Congreso nacional do PP en
Vigo, destacando tamén a normalidade e a tranquilidade de poder votar “en
positivo”. Deste xeito, puxo en valor este proceso xa que, malia contar cun escaso
marxe de tempo, cunha campaña de prazos curtos e en pleno mes de xullo, a falta
de problemas entre os candidatos acreditou que a formación goza de boa saúde.
Ademais, indicou que, despois de que se
dean a coñecer os resultados esta noite, haberá que seguir traballando ata os
días 20 e 21 de xullo para decidir cal será a persoa que represente a máis
votantes en España, xa que se converterá no xefe da oposición.
Feijóo salientou tamén que o partido
quere escoitar á xente porque existe a necesidade de que no país volva gobernar
un partido que gañe os comicios. “Queremos seguir gañando e, se é posible, con
máis vantaxe que nas últimas eleccións”, engadiu contrapoñendo a actitude dos
populares coa dos socialistas, para os que xa é unha costume gobernar
institucións tras perder eleccións.
Tras sinalar que non quixo posicionarse
publicamente para non interferir na elección dos militantes, recoñeceu que non
foi fácil escoller a un precandidato “porque o partido está preparado para
traballar en equipo”, pero que finalmente se decantou pola opción que considera
mellor para o PP, que precisa un equipo que sexa capaz de gobernar. “Os
españois merecen que goberne o partido máis votado e traballaremos para selo
outra vez nas eleccións municipais, nas eleccións autonómicas e, por suposto,
nas eleccións e xerais”, sentenciou. Departamento de comunicación