O secretario xeral do Partido Popular
de Galicia, Miguel Tellado, valorou este venres a primeira reunión do Comité
Executivo Nacional do Partido celebrado onte en Barcelona, o primeiro trala
elección de Pablo Casado como novo presidente nacional do partido. “Hai seis
días que pechamos a sucesión a Mariano Rajoy no PP e agora estaremos preparados
para pechar a sucesión de Pedro Sánchez na presidencia do Goberno”, sinalou
Tellado, para insistir na idea de que “hoxe o Partido Popular está máis forte
en Galicia, porque volvemos confirmar que temos un líder que prefire cumprir a
palabra dada ante os galegos a ser candidato á presidencia do Goberno”.
Ademais, afondou na idea de que a organización está máis forte en España, “porque
conseguimos rearmarnos nun tempo récord logo da moción de censura que levou aos
socialistas á Moncloa co apoio de Podemos e dos independentistas”.
O número dous dos populares galegos
cualificou o equipo presentado por Pablo Casado en Barcelona de “renovado,
contrastado e ponderado”, subliñando o relevo xeracional que supón, a
experiencia que albergan os seus membros e a integración das diferentes
sensibilidades e equipos que concorreron ao Congreso.
Sobre a presenza galega na nova
dirección, Tellado destacou que Galicia estará moi ben representada cunha
vicesecretaría fundamental como é a de Comunicación, da que se fará cargo a
deputada nacional Marta González; así como coa secretaría executiva Territorial
para Diego Calvo e a de Emigración para Ana Belén Vázquez. “Son áreas nas que
Galicia ten moito que dicir, como referente autonómico do partido e como
territorio moi vinculado ás migracións, antes como emigrante e agora como
acolledor de retornados”, apuntou. Ademais, lembrou tamén a presenza de Alfonso
Rueda como membro electo do Comité Executivo Nacional, así coma Núñez
Feijóo, Ana Pastor e Diego Gago como membros natos.
Do mesmo xeito, os populares galegos
trasladan o agradecemento ao portavoz saínte no Senado, José Manuel Barreiro,
polo seu incansable traballo en defensa dos intereses de Lugo e de Galicia
durante os anos que exerceu a máxima responsabilidade no grupo da Cámara
Alta.
Podemos e o AVE
O secretario xeral tamén se quixo
referir á iniciativa presentada por Podemos no Congreso dos Deputados esta
semana na que pedía ao ministerio de Fomento que paralice as obras do AVE, sen
que aínda estean rematadas en Galicia. Tellado lembrou que esta foi a mesma
postura que tomou no seu día o independentismo catalán e hai pouco tempo
Ciudadanos e ironizou con que “as Mareas están máis divididas ca nunca, xa nin
falan entre elas e non van xuntas nin ás manifestacións do 25 de xullo, así que
estarán buscando novos socios paras as próximas citas electorais”.
Neste mesmo sentido lamentou que “os
populismos de esquerdas e de dereitas sempre poden chegar a tocarse, e neste
caso uníronse no desprezo a Galicia e aos galegos, aos que queren condenar a
unhas infraestruturas de segunda”. Do mesmo xeito, pediu en nome dos populares
galegos que “Luis Villares, Carmen Santos, Martiño Noriega, ou quen sexa que
mande algo nas Mareas de Podemos, saia ao paso desta petición do seu grupo.
Tanto para desmentir aos seus deputados ou para que lle digan ás claras aos
galegos que non queren que o AVE chegue a Galicia”.
Para concluír, quixo deixar claro que“non
consentiremos que haxa partidos que queiran castigar a Galicia porque os
galegos non confíen neles: chámense Partido Socialista,
chámense Mareas de Podemos ou chámense Ciudadanos”. Departamento de comunicación