A Coruña. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, o reitor da UDC, Julio Abalde, e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria Margarita Amor participaron hoxe na visita institucional que selou a entrega das instalacións da nova Residencia de Estudantes Elvira Bao por parte da institución provincial á universitaria.
No acto, ademais de espazos comúns, visitáronse os cuartos xa preparados para albergar a inicios de curso a primeira promoción de estudantes da UDC que poderán vivir nunha residencia universitaria pública. En setembro estarán preparadas as primeiras 46 prazas e, prevese que en xaneiro, co remate dos accesos á totalidade do espazo, dotarase á Universidade de 118 prazas residenciais públicas.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso felicitouse do remate dun proxecto que, segundo lembrou, "foi aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos, o que a día de hoxe cotiza en alza". Engadiu González Formoso que "en coordinación con outras dúas administracións como a UDC e o Concello da Coruña, sacouse adiante un gran proxecto cun orzamento de tres millóns de euros, polo que temos que sentirnos moi orgullosos".
A infraestrutura “dará servizo a unha cidade que era a única de Galicia que non tiña residencia universitaria”, sinalou o presidente, que apuntou que “cumprida esta débeda, só queda rematar os últimos detalles e poñela en marcha”.
"Cúmprese co compromiso da Deputación da Coruña de dotar a UDC dunha residencia universitaria polo que hoxe para nós é unha grande satisfacción de entregar estas instalacións que reverten na mellora do ensino público, cun servizo fundamental que até agora non existía", explicou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei na súa intervención na que destacou tamén o establecemento de acordos de colaboración para que as persoas que se aloxen na residencia "podan utilizar tamén o comedor para almorzar e xantar e outras instalacións do edificio compartindo co centro da Deputación da Coruña". Destacou tamén que a residencia leve o nome de Elvira Bao, "mestra, pedagoga que viviu neste mesmo barrio e padeceu a represión despois do levantamento militar co cal cumprimos tamén coa recuperación da memoria histórica", dixo.
Pola súa parte, o reitor Julio Abalde, afirmou na visita que o de hoxe era "un día moi importante para a Universidade da Coruña xa que remata un camiño longo no que valeu a pena a colaboracións das tres institucións para acadar esta infraestructura tan necesaria". Sinalou tamén que as persoas residentes poderán usar servizos de comedor e instalacións deportivas o que "revalorizará aínda máis a infraestructura".
En canto á tramitación desde a institución universitaria do servizo, confirmou o reitor que en setembro "estará en estado de revista para iniciar a incorporación dos primeiros 46 estudantes" e mostrou o seu convencemento de que "se completará a ocupación durante este curso cun abano de posibilidades que se abren como o intercambio, aloxamento de profesorado visitante ou mesmo de Erasmus". Anunciou tamén que a UDC abrirá un novo prazo para solicitar as novas prazas que se habiliten unha vez rematados os accesos co que ascenderá a ocupación a 118 residentes. Departamento de comunicación