El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

VIOLENCIA DE XÉNERO

Galicia recibirá 8 millóns de euros

31-07-2018 18:19:34
Reunión mantida na Moncloa.

Madrid. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe tras a reunión mantida na Moncloa entre a Vicepresidencia do Goberno e as comunidades autónomas que Galicia recibirá 8 millóns de euros para desenvolver o Pacto Estatal de contra a Violencia de Xénero.

Alfonso Rueda e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiron á Conferencia Sectorial de Igualdade, que estivo presidida pola vicepresidenta do Goberno e ministra da Presidencia, Relacións coa Cortes e Igualdade, Carmen Calvo, para poñer en marcha o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, no que a comunidade autónoma colaborou con achegas que foron aprobadas no Parlamento de Galicia por unanimidade de todos os grupos políticos.

A Xunta amosou a súa satisfacción coa partida de 8 millóns de euros, destinadas a financiar o acordo que xa se asinara durante o Goberno anterior. Valorouse tamén que se tiveran en conta os criterios do envellecemento -moitas mulleres de avanzada idade sofren violencia de xénero- e da dispersión poboacional á hora de acometer o reparto, tal e como tiña demandado Galicia.

Ademais, durante o encontro, o Goberno galego solicitou ao Estado que concretara os proxectos que se poderán financiar con cargo a esta partida e pediu tamén que se concedese unha prórroga para a súa execución, en tanto sería moi complexo executar todo o orzamento só na segunda metade do ano.

A Xunta aposta tamén por afondar na colaboración entre administracións, especialmente agora que os concellos recibirán unha parte importante dos fondos deste Pacto de Estado, co fin de evitar duplicidades e prestar a mellor atención posible ás vítimas.

Cómpre destacar a importancia de que na reunión de hoxe estiveran tanto os representantes do Goberno central como das comunidades autónomas, abordando a cuestión da violencia de xénero xa que como asunto de Estado afecta á cidadanía na súa totalidade. Poñer fin á violencia exercida, tanto contra mulleres como contra homes, debe ser un obxectivo prioritario para todas as Administracións que conforman a nosa sociedade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias