El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

O Consello Galego de Transportes avanza na implantación do distintivo que permitirá a identificación dos VTC en Galicia

03-08-2018 17:29:01

O Consello Galego de Transportes deu hoxe un paso máis para seguir avanzando na implantación do distintivo que permitirá a identificación dos vehículos que presten servizos de alugueiro con condutor en Galicia, coñecidos como VTC.

Hoxe, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu en Santiago a reunión da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo e informou dos adiantos da tramitación da orde que regula a obriga de identificación para os VTC. O borrador da orde atópase en proceso de participación pública desde o pasado 19 de xullo e ata o vindeiro día 22, data de remate do prazo de presentación das suxestión das partes interesadas.

Co informe favorable do Consello Galego de Transportes e da dirección xeral de Planificación e Orzamentos e, a posterior redacción do informe final coas suxestións incorporadas polas organización e entidades interesadas, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé a aprobación desta nova normativa para este mesmo ano.

Esta normativa está amparada polo regulamento da Lei estatal de Ordenación dos Transportes Terrestres, que permite esixir que todos os vehículos con autorización de arrendamento con condutor domiciliadas en Galicia dispoñan dun distintivo identificativo da súa actividade.

A iniciativa regulatoria da Xunta enlaza coa postura defendida esta mesma semana en Madrid pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na reunión extraordinaria da Conferencia Nacional de Transportes celebrada co Ministerio de Fomento e as Comunidades Autónomas.

Neste sentido, fronte a inconcreción e excesivamente xenérica proposta de Fomento de non transferir as competencias e crear un marco regulatorio ao que poderían acollerse voluntariamente as Comunidades Autónomas e os concellos, a Xunta defende a necesidade de que O Goberno estatal incorpore na súa proposta regulatoria as ferramentas xurídicas, técnicas e orzamentarias que permitan establecer un modelo de convivencia e coexistencia entre o taxi e a VTC.

Desde a Xunta se agarda que o marco xurídico que debe de propoñer o Goberno de España sirva para solucionar o problema e non se converta nun mero mecanismo para traspasar os problemas ás Comunidades Autónomas e concellos. E confía que no mes de setembro o Goberno estatal presenta esa regulación xurídica concreta, cubrindo as expectativas que no sector se ten xerado.

Pola súa banda, coa implantación do dispositivo de identificación dos VTC aprobado hoxe por unanimidade no Consello Galego de Transportes, a Xunta segue traballando e impulsando iniciativas concretas e viables, co obxectivo de velar pola calidade do servizo que reciben os usuarios e evitar prácticas fraudulentas, previndo ademais prácticas de competencia desleal.

Este dispositivo de identificación das VTC serve para a súa fácil distinción fronte aos vehículos non autorizados que poidan estar exercendo esta actividade de maneira irregular. E no borrador da orde se detalla a obriga da utilización do distintivo que deberá permitir a clara identificación exterior desta tipoloxía de servizo público, e que facilita que os vehículos con autorización administrativa de VTC dispoñan dun distintivo que facilite a súa verificación a viaxeiros, profesionais e servizos de inspección, tanto da vixencia da autorización como a matrícula do vehículo que desenvolve a actividade.

Trátase dun dispositivo autoadhesivo de vinilo, que se deberá colocar na parte dianteira e traseira do vehículo. Máis en concreto, un dispositivo na parte superior dereita da lúa dianteira, cunhas dimensións de 4 x 8,4 cm, e outro na zona inferior esquerda da lúa traseira, de 18 x 10 cm.

Dende a aprobación desta orde, a Xunta concederá un prazo de dous meses para a instalación dos dispositivos, e, tamén un prazo de 2 meses para esixir a disposición do distintivo aos vehículos dedicados ao arrendamento con condutor.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias