Hoxe vimos de coñecer da man do Instituto Nacional de Estatística
(INE) un alarmante aumento do 60% nas execucións hipotecarias en Galicia no
segundo trimestre do ano, “o que vén afirmar que o empeoramento das condicións
laborais en canto a salarios e temporalidade, e o desemprego, non permiten
afrontar o pagamento das hipotecas das galegas e galegos, excluídos do dereito
a ter unha vivenda digna, provocado polas políticas económicas da dereita, que
fan da vivenda un negocio e non un dereito básico”, sinala a coordinadora
nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.
“Se dunha banda as galegas e os galegos asistimos ao empobrecemento dunha
clase traballadora que non se recupera da crise, tamén hoxe coñecemos o aumento
das grandes fortunas, un 8% máis nun ano (ata superar as 7.700 en Galicia), o
que fai que se amplíe a desigualdade entre a cidadanía, que chega xa a niveis
récord”, expón Solla.
Dende Esquerda Unida levamos anos a denunciar que esta non é máis que unha
situación bosquexada polo capitalismo especulativo, que pode permitirse
dispoñer de amplas bolsas de persoas empobrecidas e rescatar bancos con miles
de millóns de euros de diñeiro público. “Esta realidade que padecemos hoxe en
día é a resultante das políticas postas en marcha dende a dereita, ao servizo
das grandes empresas, dos especuladores e contra unha maioría social que é
incapaz de acceder a unha vida digna”, remata Eva Solla. Departamento de comunicación