O presidente Alberto Núñez Feijóo destacou
hoxe, na homenaxe que os populares galegos renderon a Xerardo Fenández Albor
polo seu 101 aniversario, que “a Galicia que imaxinou o Presidente Albor
era a Galicia na que vivimos hoxe: unha terra próspera, unha terra inclusiva,
unha terra que practicara o autogoberno coa receita do sentidiño que el tanto
preconizou”. E foi ese “sentidiño” nos primeiros pasos da autonomía de Galicia o
que nos converteu no que somos hoxe: “unha comunidade que reivindica o seu sen
complexos, pero con respecto e lealdade”.
Durante o acto, que tivo lugar no
parque de San Domingos de Bonaval, lugar onde Albor tomou posesión como
presidente da Xunta por primeira vez, Feijóo agradeceu a “xenerosidade” dos
familiares por compartir con todos os galegos “a biografía dun home
excepcional”. “Hoxe, no pensamento e no sentimento da maioría dos
galegos hai un pouco de Xerardo Fernández Albor”, engadiu.
O líder dos populares galegos recordou que
dous dos atributos dos partidos fortes son a capacidade e a calidade dos seus
equipos humanos e o coñecemento e o respecto á Historia das súas siglas, polo
que persoas como Fernández Albor son as que fan a historia do noso partido, por
defender o proxecto, engrandecer o ideario político e por traernos ata onde
estamos. Dixo tamén del que exerceu o seu cargo coa “humildade, a prudencia e a
afabilidade que sempre o caracterizou”.
Recordou que, tal día como hoxe de 1978,
Albor facía 61 anos e a Constitución Española, que afrontaba as fases finais da
súa tramitación parlamentaria, abría unhas posibilidades inéditas de
autogoberno para Galicia: “Albor ben podía ter presenciado estes acontecementos
como espectador, pero un home da súa talle preferiu asumir un papel
protagonista na gran transformación que Galicia tiña por diante”. “Chegou –engadiu-
a unha Xunta na que todo estaba por facer e deixounos os cimentos sobre os que
se constrúe a totalidade do edificio do autogoberno constitucional e
estatutario de Galicia”.
Afastado de ideoloxías excluíntes, foi
o presidente que defendeu que Castelao debía repousar en Galicia; quen
apadriñou unha Lei de Normalización que se apoiou “nese amor común que os
galegos sentimos pola nosa lingua, para que esta non fose xamais instrumento de
ruptura, senón de unidade”; e quen tamén tivo un papel clave no deseño da radio
e da televisión autonómica ao servizo da difusión da nosa lingua e cultura.
Durante a súa etapa de goberno, naceron tamén institucións tan importantes como
o Consello da Cultura Galega, o Valedor do Pobo, a Lei de símbolos e a Lei que
regula as eleccións ao Parlamento de Galicia.
As tres leccións do presidente Albor
O presidente do PPdeG salientou tres
das leccións que nos ensinou un dos “líderes máis grandes da nosa historia”.
Neste senso, indicou que o obxectivo de calquera político debe ser abrir
espazos de consenso e tecer novos lazos entre os cidadáns e así foi como
Fernández Albor deseñou un galeguismo inclusivo, no que coubésemos todos os
galegos e no que non quedase fóra ninguén. “Sobre os piares do galeguismo de
Albor e Fraga, que pon Galicia por riba de calquera ideoloxía, é sobre o que
constrúe o Partido Popular de Galicia o seu edificio político”.
A segunda das leccións consiste en
saber encaixar os golpes e aprender deles, algo do que Albor tamén deu exemplo:
“Lonxe de supoñer un punto e final para a súa carreira política, o acontecido
en 1987 valeulle para poñer toda a súa experiencia, o seu talento e o seu
talante para seguir percorrendo o camiño do servizo público”. E, por último,
que Galicia ten moito que dicir na construción dunha Europa mellor: “Somos
europeos porque somos galegos, somos españois porque somos galegos e sermos
galegos significa precisamente asumir con orgullo esta tripla identidade”.
“Os libros dirán que a luz do Presidente
Albor se apagou para sempre aquela madrugada do 12 de xullo deste 2018. Nós
diremos que non é así, pois o faro da súa vida, da súa obra e do seu pensamento
seguirá iluminando o noso rumbo para sempre”, finalizou Feijóo.