El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

A Xunta ofrecerá prácticas para completar a formación en materia urbanística de alumnos da UDC

14-09-2018 15:59:16
Beatriz Mato e Julio Abalde (d).

A Coruña. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo cal alumnos desta universidade poderán completar a súa formación en materia urbanística na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que depende da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Beatriz Mato e Julio Abalde coincidiron en que a combinación dunha axeitada formación teórica universitaria co coñecemento aplicado das técnicas e das metodoloxías desenvolvidas no campo profesional son unha base sólida para a formación integral dos alumnos universitarios e que os capacita para a súa futura inserción no mercado laboral.

Os alumnos da Universidade da Coruña adquirirán coñecementos sobre as funcións da APLU, un instrumento organizativo para mellorar a calidade da ordenación urbanística e poñela ao servizo de todos os cidadáns.

Dende o Goberno galego deféndese que o solo - o territorio- é un recurso natural escaso, non renovable e extraordinariamente valioso que dá soporte físico á vida, aos asentamentos de poboación, aos centros de produción de bens e servizos e a todas as actividades humanas.

Nese sentido, os universitarios que realicen prácticas acadarán conciencia da importancia de utilizar os recursos naturais -aire,auga e solo- con racionalidade, con intelixencia e con prudencia; mellorar a cohesión social e a calidade de vida dos cidadáns, favorecendo a promoción de vivendas asequibles en contornos amables e dotados de infraestruturas, equipamentos e espazos públicos suficientes e adecuados; e protexer e poñer en valor o patrimonio natural e cultural e a riqueza paisaxística dos espazos naturais e do litoral, que constitúen elementos esenciais da identidade de Galicia.

Para garantir o dereito de todos os cidadáns a un medio urbano e natural adecuado para o desenvolvemento, a APLU conta cun plan de inspección urbanística; polo que os alumnos tamén estarán en contacto coas accións deste programa para que adquiran experiencia sobre como mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadánse de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da Axencia. Os técnicos da APLU explicarán como afrontar os traballos para evitar que se leven a cabo obras, instalacións e usos que contraveñan a normativa; así como colaborar cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.

Esta actividade está enmarcada no labor formativo que realiza a Axencia cada ano para avanzar na concienciación cidadá sobre a necesidade de protexer o territorio a través do respecto á legalidade vixente.

Para o alumnado que solicite a realización das prácticas na APLU, estas terán a validez académica que se lles outorgar no plan de estudos correspondente, no marco do Practicum, e incorporaranse ao Suplemento Europeo ao Título (SET) de conformidade coa normativa de aplicación.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias