O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, nomeou
hoxe un novo Goberno que seguirá traballando cada día desta segunda parte de
lexislatura pensando non só nos galegos de hoxe, senón tamén nas vindeiras
xeracións; e baixo o lema que, asumido en 2016, segue mantendo toda a súa
vixencia: Galicia, Galicia, Galicia.
Durante o acto de toma de posesión dos novos
membros do Executivo autonómico, Feijóo lembrou que desde o ano 2009 Galicia
foi pioneira á hora de acompasar e adaptar o Goberno ás necesidades de cada
momento: foi a primeira en reducir o tamaño do Goberno, nunha época de
dificultades que así o esixía; en 2015, volveu cambiar para adaptarse aos retos
da incipiente recuperación económica –impulsar e facer durar o crecemento e
trasladar os seus beneficios ao conxunto dos galegos reforzando o Estado do
Benestar; “e, hoxe, cando acabamos de superar o ecuador da lexislatura,
reforzamos as áreas máis necesarias para construír o futuro”, sentenciou.
Nesta liña, precisou, nun primeiro termo, que
un dos retos a afrontar é a preparación do Xacobeo do ano 2021; unha
oportunidade única para amosar ao mundo a comunidade como é: unha terra
acolledora, rica en cultura e cun amplo patrimonio. “Traballar co obxectivo de
facer o mellor Ano Santo da nosa Historia. Ese é o principal cometido da nova
Consellería de Cultura e Turismo”, dixo, precisando que con ese fin únense as
competencias en patrimonio, en cultura e en turismo, ademais das relacionadas
coa defensa e promoción da lingua galega, nunha Consellería destinada a coidar
a identidade galega e a proxectala cara ao exterior.
En relación á reordenación de competencias
entre as Consellerías de Infraestruturas e Medio Ambiente, o titular da Xunta
explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade unifica todas as
competencias en obras públicas, ao incorporar tamén as infraestruturas
hidráulicas: non só as estradas e autovías, senón tamén as de saneamento e
depuración, e a construción da maioría dos edificios públicos, ademais das
competencias relacionadas coa mobilidade e o transporte.
Pola súa banda, a Consellería de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda incorpora –como indica o seu nome- as
competencias en vivenda e rehabilitación, quedando así agrupadas no mesmo
departamento que o urbanismo e a paisaxe, o que facilitará unha política
integral de harmonización urbanística e ordenación do territorio.
Ademais destas dúas reordenacións, Feijóo
subliñou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
terá como obxectivo reforzar a aposta pola educación pública. A xestión da
Educación Pública deixa de ser unha das principais preocupacións desta
consellería para converterse na única prioridade, baixo a dirección de Carmen
Pomar.
Política Social seguirá a ser un departamento
prioritario, con Fabiola García como conselleira, e co obxectivo de seguir
construíndo unha Galicia mellor para nacer, para conciliar e para envellecer;
unha Galicia atenta ás necesidades dos seus veciños.
Do novo conselleiro do Medio Rural, José
González, o presidente da Xunta destacou o seu rigor e a súa capacidade de
diálogo; “calidades –recordou- que fixeron posible pechar, co apoio de dous
grupos que representan as tres cuartas partes da Cámara, un dos ditames máis
importantes desta década: o da Comisión de estudo de incendios e política
forestal”.
Feijóo referiuse tamén aos retos que terán
que afrontar o resto das consellerías: “O vicepresidente, Alfonso Rueda,
seguirá a cargo da coordinación do novo Goberno e das relacións coas demais
Administracións, nun tempo onde os cidadáns reclaman traballo conxunto e
coordinado en beneficio de todos. E o conselleiro de Facenda, Valeriano
Martínez, seguirá dedicado á elaboración duns Orzamentos que cada ano son máis expansivos,
pero tamén máis eficaces, ademais de liderar as nosas reivindicacións dun
sistema xusto de financiamento do estado das autonomías”, explicou, ao que
engadiu que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde,
seguirá a traballar por un crecemento económico sustentable, que permita a
Galicia resistir ante unha posible desaceleración global e cuxos beneficios se
traduzan en máis emprego e de mellor calidade.
Así mesmo, resaltou que o conselleiro de
Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, seguirá construíndo unha Sanidade Pública máis
próxima e eficaz, centrada no usuario, con máis tecnoloxía, máis e mellores
centros sanitarios e mellores condicións laborais para o persoal do Sergas. E a
conselleira do Mar, Rosa Quintana, seguirá comprometida cun sector no que somos
líderes e no que queremos seguir reforzando a nosa posición ante as incertezas
que poidan presentarse no futuro, tanto en relación á política pesqueira común
como en relación ao brexit.
A Galicia de 2018, unha terra mellor que en 2009
Logo de agradecer o traballo e o compromiso
de Beatriz Mato e José Manuel Rey, Feijóo concluíu aseverando que a Galicia de
2018 é unha terra mellor que en 2009: cunha economía que crece de xeito
sustentable, con investimento, innovación e fortaleza exportadora; cuns
servizos públicos máis eficientes, modernos, áxiles e que responden mellor ás
necesidades dos seus propietarios, que son os galegos. Con máis recursos á
disposición das persoas con dependencia; e cunhas contas públicas saneadas e
mellor preparadas para seguir acompañando os avances da Comunidade.
“Hoxe vivimos nunha Comunidade con máis
crecemento e máis benestar, e todo isto grazas ao esforzo dos galegos”, dixo,
incidindo en que este Goberno débese única e exclusivamente a eles.
Os novos membros do Goberno
ÁNGELES VÁZQUEZ MEJUTO
Ángeles Vázquez Mejuto naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Así mesmo, é técnica en Información e cultura.
Foi alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata 2016, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007. No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de comunicación. Tamén foi deputada provincial na Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia. Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.
ETHEL VÁZQUEZ MOURELLE
Ethel María Vázquez Mourelle naceu en Santiago de Compostela en 1972. É enxeñeira técnica superior de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Tras rematar os estudos superiores, en 1996 comezou a súa traxectoria profesional na empresa privada, ata que, en 2003, se incorpora ao organismo autónomo Augas de Galicia.
Ethel Vázquez asume a presidencia de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) da Xunta de Galicia en abril de 2009, cargo que exerceu ata ser nomeada directora xeral de Infraestruturas en setembro de 2010. En abril de 2011 asume a presidencia da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia. En xaneiro de 2012 foi nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas. Desde 2014 a 2015 foi conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Desde outubro de 2015 era conselleira de Infraestruturas e Vivenda.
ROMAN RODRÍGUEZ GONZÁLEZ
Román Rodríguez González naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.
Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades. Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.
En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía. Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevoceiro do Grupo Popular e voceiro nos eidos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio. Desde febreiro de 2015 era conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
CARMEN POMAR TOJO
Carmen María Pomar Tojo naceu en Santiago de Compostela en 1970. É licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago, premio extraordinario fin de carreira e premio extraordinario de traballo de licenciatura. Doutora en Psicoloxía no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación. Foi bolseira posdoutoral da Fundación Caixa Galicia no 2000, cunha estadía na Universidade de Virxinia (Estados Unidos). Profesora na Universidade da Rioxa durante dous anos e, desde o 2003, profesora no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago, exercendo a súa docencia nas Facultades de Educación e de Psicoloxía desta universidade.
Profesora en másters sobre Educación, Familia e Necesidades Educativas Especiais nas Universidades de Santiago e de Vigo. Tamén profesora do Máster de Psicoloxía Educativa na USC. Profesora no Curso de Especialista en Educación Emocional na Facultade de Educación da USC. Profesora en cursos e seminarios sobre altas capacidades, intelixencia, motivación e creatividade. Directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago dende 2009 e directora de proxectos de atención educativa no campo da optimización do talento. Tamén é autora da guía O triángulo máxico das altas capacidades para profesorado galego, así como de capítulos de libro e artigos sobre intelixencia, motivación e altas capacidades.
FABIOLA GARCÍA MARTÍNEZ
Fabiola García Martínez naceu en Ribeira en 1985. É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Ata a actualidade e desde decembro de 2016 era directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social.
Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira, ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura.
Ao longo da súa carreira profesional formou parte dos gabinetes das consellerías de Facenda, Economía e Industria e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Con anterioridade, traballou en prácticas no departamento de Dereito Fiscal nun despacho de avogados. Como formación complementaria, é máster en Dereito Empresarial polo Centro de Estudios Garrigues e diploma en EAP (English for Academic Purposes) pola University College London.
JOSÉ GONZÁLEZ VÁZQUEZ
José González Vázquez naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997, ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais. Así mesmo, foi vocal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; e docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.
Desde 2016, José González Vázquez é deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como: voceiro de Medio Rural do GPP; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia.