A Xunta de Galicia
subvencionará con ata 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de
menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así consta na
resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia pola que se establecen as bases reguladoras da
convocatoria e se abre o prazo de presentación de solicitudes desta axuda,
incluída no Plan de Vivenda 2018-2021.
O obxectivo destas
subvencións é contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados,
favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.
A resolución establece
que o importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de
adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por
beneficiario. O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e estará
aberto durante un mes, sendo o último día para poder acollerse á convocatoria o
16 de novembro.
Está previsto que estas
axudas se convoquen tamén para os anos 2019, 2020 e 2021 cun importe total de
case tres millóns de euros: 200.000 euros correspondentes á convocatoria de
2018 e 2.750.000 euros a repartir entre os próximos tres anos.
Poderán acollerse á
convocatoria de 2018 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os
requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de
xaneiro de 2018. Neste sentido, os principais requisitos que teñen que cumprir
os solicitantes destas axudas serán:
.- Ter menos de 35 anos de idade na data de
presentación da solicitude.
.- Ter nacionalidade española ou residencia legal
en España.
.- Dispoñer duns ingresos
anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais
ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos
Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces
o Iprem no caso de familias numerosas de categoría xeral ou unidades de
convivencia con discapacitados; e no caso de familias numerosas de
categoría especial ou unidades de convivencia nos que algún membro sufra
unha das discapacidades establecidas na resolución, o límite será de 5
veces o Iprem.
Polo que respecta ás vivendas, estas deberán
cumprir as seguintes condicións:
.- Estar emprazada nun concello de menos de 5.000
habitantes.
.- Que se trate dunha vivenda xa construída. Para
estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
.- O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os
seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou
inferior a 100.000 euros.