El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Jesús Antonio Fernández Olmedo
Sociedad

GALICIA

En marcha unha campaña de reciclaxe de pilas entre os escolares galegos

22-10-2018 20:37:07
Ángeles Vázquez, no CEIP Nosa Señora de Xuvencos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá unha nova campaña de concienciación para incrementar a reciclaxe de pilas, baterías e cargadores, co fin de evitar o dano que este residuo perigoso provoca no medio ambiente.

A conselleira de Medio Ambiente visitou hoxe o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, de Boborás, onde presentou o Concurso Pilabot, que ten como obxectivo fomentar a recollida de pilas e acumuladores portátiles (baterías) nos colexios de toda Galicia e que se pon en marcha coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, que terá como mascota a un simpático robot chamado Pilabot.

Salientou que aínda que as pilas podan parecer un residuo pequeno e inofensivo, “é o residuo perigoso e o máis contaminante xerado polos humanos”, polo que é moi importante tratalo axeitadamente para evitar danos ao medio ambiente. A modo de exemplo, citou que unha pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida.

Destacou que é primordial que cada residuo se deposite en cada colector para darlle o tratamento axeitado, polo que cada cidadán cos xestos sinxelos, como a correcta separación dos refugallos que xere no seu fogar, é unha medida impagable para a conservación do medio ambiente.

Vázquez Mejuto salientou que no caso das pilas, estas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, mandos a distancia, cámaras, lanternas, reloxos, calculadoras..... polo que esta actitude de correcta separación non só se debe manter nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, desde onde trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos nos contedores específicos.


Sumarse á campaña

A conselleira invitou aos colexios de Primaria e Secundaria a participar nesta campaña, anotándose na web www.pilabot.gal, para recibir os bidóns recolectores de pilas e material informativo.

A campaña tamén incluirá actividades informativas e charlas educativas nos centros, coa entrega de información e material sobre a campaña, e sobre a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas e tamén se organizará un concurso de fotografía creativa #eusonpilabot, no que as tres fotos con máis “me gusta” tamén acadarán un premio.

Destacou a idoneidade desta campaña neste momento, pois os alumnos comezan a adquirir coñecementos sobre a reciclaxe de pilas, nunha época de gran consumo de pilas e acumuladores portátiles, como é o Nadal.

Así, estableceranse catro premios, que dous – de 2.500 euros- para o centro que máis quilos de pilas reúna desde o inicio da campaña ata febreiro e tamén para o centro que máis quilos recolla por alumno; tamén se fixa un galardón de 1.250 euros, cada un, para o centro que quede en segunda posición en ambas categorías.

Ángeles Vázquez salientou que as campañas de concienciación son importantes para que a sociedade en xeral coñeza os problemas aos que se enfronta o medio ambiente e como se poden afrontar.

Afirmou que nos últimos anos se ten incrementado a concienciación da poboación con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar; sobre todo para mellorar as cifras de 2017 (último ano do que se teñen datos completos) cando se rexistrou unha cifra de 225.356 quilos de pilas recollidas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos.

Por último, engadiu que reciclando este residuo non só se evita a contaminación, senón que tamén reducimos a extracción de novas materias primas preservando os recursos naturais e reducindo o elevado consumo enerxético e a contaminación que provoca a transformación de novas materias primas en produtos finais.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias