O secretario xeral do PSdeG,
Gonzalo Caballero, interveu hoxe no acto de proclamación dos candidatos socialistas ás vindeiras eleccións
autonómicas para reivindicar que “Galicia necesita un cambio” tras dez anos de
goberno da dereita.
“Temos que abrir unha etapa de oportunidades de futuro
para os galegos e as galegas”, recalcou o líder do PSdeG, consciente de que
Feijóo “deixa unha Galicia cunha economía máis débil, cun medio rural
abandonado, con recortes sen precedentes en dereitos sociais e con salarios e
pensións máis baixas” que no resto de España.
Á vista destes datos, en presenza do presidente do
Goberno, Pedro Sánchez, Gonzalo Caballero explicou que, “cando Pablo Casado di
que o seu espello é Feijóo”, hai que dicirlle que “Feijóo non é un bo político
nin un bo xestor” senón que ten sido “un rei espido” que ofrece unha imaxe de
Galicia que non é “a real”.
Pola súa banda, despois de explicar que sigue
compatibilizando a súa actividade profesional como docente universitario coa
Secretaría Xeral do PSdeG, para o que foi elixido hai un ano en primarias, o
dirixente socialista enfatizou: “Non me quero resignar a que a Galicia dos meus
fillos sexa unha Galicia sen oportunidades”.
Na mesma liña, Gonzalo Caballero rexeitou que a Galicia do
futuro ofreza “unha sanidade pública deteriorada e privatizada”, na que non
haxa “dereitos” para as persoas maiores e na que, en definitiva, haxa “menos
futuro”. Para combater isto, receitou “máis socialismo, máis igualdade e máis
solidariedade”. Departamento de comunicación