Lugo. O Pleno aprobou hoxe a
proposta de Orzamento da Deputación para 2019, que presentou á sesión plenaria o
Presidente, Darío Campos Conde, como responsable da mesma. Fíxoo cos votos a
favor dos Deputados do Goberno Provincial do PSOE, coa abstención do PP e cos
votos en contra do BNG e Deputado non adscrito. O Presuposto conta con 88,4
millóns de euros, dos cales o 55%, que representan 48,6 millóns, son para
investimentos nos 67 Concellos e para os 330.000 veciños da provincia.
Á proposta de Presupostode
Campos Conde engadíronse dúas das emendas presentadas polos grupos da
oposiciónao non supoñer modificacións orzamentarias. Trátanse de emendas
presentadas e modificadas posteriormente polo PP en base aos criterios
establecidos polo Presidente. Consisten en recoller no Orzamento a
posibilidade de que os Concellos elixan
o modelo de xestión do centro de maiores que constrúe o organismo
provincial no seu municipio, -pois o Presidente sempre defendeu e defende a
autonomía municipal-, e que este se axuste ao marco legal.
Na proposta de Orzamento de
Campos Conde xa se contemplaban 4 millóns para as obras de construción de
residencias en Concellos, dos que 200.000 euros son para un centro de maiores
en Cervantes e outros 500.000 en Pantón. Son os dous de nova construcións, pois
os restantes fondos son para as xa previstas: Becerreá, Portomarín, Folgoso do
Courel, A Pobra do Brollón, Guitiriz e A Pontenova. Coa emenda do PP, o
orzamento recolle o nome de todos os Concellos onde se proxectan residencias.
As restantes emendas
rexeitáronse ao supor cambios orzamentarios ou ao dotalas con fondos procedentes
de remanentes de tesourería de 2018. Estes non se coñecerán ata que remate o
actual exercicio orzamentario, que coma todos os anos acontece en febreiro. Na
proposta de Orzamento de Campos Conde, o Presidente xa compromete que cando
menos o 70% dos remanentes sexan para o Plan Único co obxectivo de que esta
programación conte cun mínimo de 20 millóns. Todo isto imposibilita a
aprobación das emendas referidas a remanentes.
“A formiga que realmente
traballa e inviste na provincia”
Ao inicio da sesión plenaria,
Campos Conde subliñou que “agardo que se aprobe o orzamento, pois destinamos o
55% dos fondos, case 50 millóns de euros -48,6 exactamente- a
investimentos para todos os veciños e en todos os Concellos. Espero que os
grupos políticos teñan altura de miras pola enorme importancia que este
presuposto ten para a provincia. Somos esa formiga, á que fan alusión, que
traballa todos os días para sacar adiante proxectos. Somos os que realmente
investimos na provincia. Sen o presuposto da Deputación a provincia estaría huérfana”. O Presidente lembrou durante
estes 3 últimos anos e a espera de rematar coa execución do presuposto de 2018,
a suma de investimentos do organismo provincial nos 67 municipios e para os
máis de 330.000 veciños superan os 220 millóns de euros.
Orzamento 2019
O orzamento consolidado da Deputación ascende aos 88,4
millóns de euros. Aumenta en 4,7 millónscon respecto ao ano pasado debido aos
ingresos do Estado pola participación nos tributos. Inclúe 11 millóns para o
Plan Único e comprométense cando menos o 70% dos remanentes de tesourería de
2018 para que esta programación acada un mínimo de 21 millóns de euros. Contempla
unha amortización de débeda de 172.468 euros debido ao pago do crédito de 15
millóns de euros, que se executan en obras de mellora de estradas provinciais
nos 67 Concellos da provincia.
Emprego
Incorpora
4,4 millóns para continuar coa execución do Ben Empregado IV, DepuEmprego II,
Tecendo Emprego, Primeira Oportunidade e Emprendendo no Rural e 5,4 millóns
para novas programacións en impulso do emprego na provincia. Destínanse
partidas de 590.000 e 140.000 euros para a Granxa Experimental do Campus Terra
e outra de 200.000 para novas actividades que potencien a agricultura,
gandeiría e a pesca.
Educación
pública
Incrementase
ata os case 500.000 euros os fondos destinados a medidas e actividades en
impulso do Campus de Lugo a través do Plan de Choque. Destínanse a maiores
210.000 euros ao Rof Codina e á facultade de Relacións Laborais; e uns 340.000
euros á actividade da UNED. Son 1,6 millóns para a Escola de Imaxe e Son, a
única pública na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido
audiovisual, mantendo a matrícula gratuíta a non repetidores. No apartado de
subvencións nominativas, inclúense axudas por valor de case 100.000 euros para
o desenvolvemento de distintas actividades e proxectos educativos na provincia
en colaboración con distintas colectivos.
10
millóns para benestar, 4 máis que no 2018
Os fondos para benestar acadan
os 10 millóns de euros, aumentando en 4 millóns con respecto ao ano pasado. Do
total, 4,3 millóns son para as residencia de Becerreá, Folgoso do Courel,
Portomarín, Guitiriz, Pantón, Pobra de Brollón, A Pontenova e Cervantes. Outros
2 millóns son para financiar o funcionamento e as prazas dos centros de maiores
que abran ao longo de 2019. Achéganse máis de 500.000 euros á Teleasistencia
gratuíta a 1.600 maiores da provincia e 1,2 millóns -que chegarán aos 1,5 con
remanentes- para financiar o Servizo a Domicilio a non dependentes, que hoxe
reciben outros 2.300 maiores.
17,6
millóns para estradas e dotacións municipais
Hai 8,2 millóns para novas obras
de mellora nas estradas provinciais; uns 4 millóns procedentes do crédito
solicitado para este mesmo fin; unha primeira achega de 4,2 millóns –que
se incrementará con remanentes para o Plan Único- para
melloras en dotacións públicas municipais a través do antes denominado POS; e
1,3 millóns para novos servizos no rural.
Outros proxectos
Destínanse un total de 800.000
euros á rehabilitación do Mirador de Mondoñedo, da Casona do Incio e á dotación
dunha tirolina na Ribeira Sacra. Outros 140.000 euros son para a construción
dun rocódromo na capital e 200.000 para a posta en macha do pavillón e piscina de
Monterroso. Achéganse 4,1 ao impulso do deporte e 5,4
ao turismo, cultura, artesanía e deseño. Departamento de comunicación