O secretario xeral do PSdeG,
Gonzalo Caballero, retou hoxe ao presidente da Xunta a aclarar se comparte os
pactos que o seu partido pretende pechar coa ultradereita, nomeadamente con
VOX, despois de que así o verbalizase o seu secretario xeral, Teodoro García
Egea.
“Feijóo está de acordo con esa posición
de abrir diálogo con VOX?”, inquiriu o líder dos socialistas galegos, quen
defendeu que o presidente da Xunta debe aclarar “a toda Galicia” se avala esta
posición.
“Está cómodo nun partido que
está aberto a pactar coa ultradereita?”, reclamou coñecer do propio Feijóo o
máximo dirixente do PSdeG, sen deixar de facer fincapé en que a posición desta
forza política de ultradereita supón unha fonda “preocupación” para os
socialistas.
Nesa liña, Gonzalo Caballero
urxiu ao presidente do PPdeG a explicar se comparte a posición formulada polo
número dous de Pablo Casado de establecer acordos con formacións como VOX, coa
que o PSOE non ten “ningún punto de coincidencia”.
Recoñecemento a militantes durante 40 anos
A maiores, coincidindo co 40 aniversario
da Constitución Española e cos 140 anos que cumpre o PSOE, o secretario xeral
avanzou que o vindeiro sábado celebrarase un acto de recoñecemento aos
militantes socialistas que o son desde 1978 ou antes.
Este acto contará coa presenza
da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, e dun histórico como é o
ex-ministro e ex-presidente do Parlamento europeo Enrique Barón.
Servirá, como explicou o propio
Gonzalo Caballero, para “poñer en valor o traballo da nosa organización” na
liña de “contribuír nos avances” que ten experimentado o país xa dende antes da
aprobación da Carta Magna. “Tamén na II República ou na defensa da democracia
nos tempos da ditadura”, apuntou.
Sen obviar que o texto
constitucional “permitiu que o país avanzase en calidade democrática, na
construción do Estado do Benestar e na modernización económica e de dereitos”,
avogou por abrir “vías de cambio cando se dean as condicións de acordo
necesarias” que permitan “blindar e avanzar en dereitos sociais e novas formas
de gobernanza que dean solución aos problemas existentes”. Departamento de comunicación