O secretario xeral do PSdeG,
Gonzalo Caballero, participou hoxe na homenaxe a Jesús Siaba, o
presidente dos socialistas de Muros recentemente falecido, e na presentación da
candidata á alcaldía, Caridad González Cerviño.
Neste contexto, o líder dos
socialistas galegos avanzou que toda a organización fará “un traballo moi
intenso” de cara ás vindeiras eleccións municipais, para “aproveitar o ciclo de
recuperación” no que está o PSOE dende a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, e
lograr “un cambio de ciclo”.
“O traballo paga a pena”,
reivindicou Gonzalo Caballero, convencido de que Galicia “merece unha
oportunidade” que lle permita levantar a situación que deixa Feijóo, “con
moitas dificultades, moitos problemas”.
E fronte ás boas expectativas
que ten diante de si o PSOE, que será “primeira forza” tanto nas municipais
como nas xerais cando se celebren, o secretario xeral evidenciou que Feijóo “xa
sabe” que non reeditará a súa maioría absoluta cando haxa comicios autonómicos.
“Xa non lle dan as contas, retiraremos a Feijóo da Xunta”, recalcou.
Así mesmo, no panorama estatal,
o máximo dirixente do PSdeG sinalou que o PP “está moi nervioso”, ao verse
“loitando polo segundo posto con Ciudadanos mentres Vox lle está quitando votos
pola ultradereita”. Precisamente por iso, chamou a apoiar ao goberno socialista
nesta “campaña de acoso e derribo”.
“Dedicación e vocación"
No que atinxe a Muros, Gonzalo
Caballero sinalou a Caridad González Cerviño como o “futuro” para este
concello, pola súa “dedicación e vocación” polos seus veciños.
E, tras recordar que os
alcaldes de referencia do concello foron socialistas, como ocorre no resto de
Galicia, botou en falta “capacidade de xestión” das denominadas forzas
emerxentes mentres o PP carece dun “programa para a maioría”.
Despois de remarcar o “apoio”
de todo o partido á candidata muradana, ela mesma puxo o foco no seu
“compromiso” con Muros. Ademais, Caridad González
Cerviño apuntou que as cousas “irán en canoa” con ela á fronte do concello,
Valentín González Formoso na Deputación, Gonzalo Caballero na Xunta e Pedro
Sánchez no Goberno de España. Departamento de comunicación