O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado,
asegurou esta mañá que "estamos ante
os estertores do proxecto político esgotado e con escaso futuro das Mareas de
Podemos". Así se expresaba trala última crise da formación provocada,
nesta ocasión, pola non celebración das primarias.
Segundo admitiu Tellado, é o drama dun
partido que viña cambialo todo e non fixo nada, envolto constantemente en
liortas internas que amosan as súas verdadeiras prioridades: “unha loita por
ver quen dirixe a formación”. Nese senso, engadiu que non se lles coñece
proposta algunha, xa que dedican todo o tempo a falar deles mesmos en lugar de
centrarse nos problemas da cidadanía.
O número dous dos populares galegos indicou
que o importante é ver cando Luís Villares deixará de ser o portavoz
parlamentario das mareas de Podemos e cando Martiño Noriega deixará o Concello
de Santiago para poñerse ao fronte de En Marea. “No fondo trátase de ver quen
mandará máis, non lles preocupa a gobernabilidade da Coruña, Ferrol ou Santiago
nin de construír un proxecto político alternativo ao PP en Galicia”, remarcou
ao tempo que subliñaba que as ansias de cambialo todo que promulgaban as mareas
son as que dinamitan a democracia
interna do seu propio partido.
Fragatas F-110
Por outra banda, na súa comparecencia
en rolda de prensa celebrada hoxe en Ferrol, o secretario xeral avanzou que este
mércores debaterase no Parlamento galego unha proposición non de lei presentada
polo Grupo Parlamentario Popular na que se instará ao Goberno a dar luz verde á
aprobación da orde de execución da construción das fragatas F-110 nos
estaleiros de Navantia Fene e Ferrol, poñendo en valor a importancia do sector
naval nesta comarca, do que dependen en torno 15.000 postos de traballo -entre
directos e indirectos-.
Despois de lembrar tamén que Navantia
supón o 16% do PIB da provincia da Coruña e que, en termos de emprego,
representa o 24% do emprego industrial da provincia, destacou que é fundamental que o
Goberno de España deixe clara a súa vontade inequívoca de aprobar a execución do
proxecto destas fragatas, xa que este contrato supón 4.000 millóns de euros e emprego
para 7.000 traballadores, sen esquecer a fundamental inversión na renovación e modernización
do estaleiro. “Esta comarca non pode deixar pasar o tren dun proxecto tan
importante coma este”, dixo.
Tras manifestar que piden ao Executivo socialista
o mesmo que solicitaban ao de Mariano Rajoy, Tellado lamentou que sempre que
goberna o PSOE o sector naval pase por dificultades, salientando que “José Luis
Rodríguez Zapatero foi un mal presidente para o noso naval, pero Pedro Sánchez aínda
pode ser peor", posto que non consegue contratos e pon en perigo os que xa
hai.
Andalucía
Por último, Miguel Tellado valorou os
resultados das Eleccións en Andalucía celebradas onte, sinalando que “estamos
ante un fin de ciclo”. “Hai que actuar con responsabilidade respectando a
vontade de cambio maioritaria da sociedade andaluza” aseverou insistindo en que
teñen “a obriga de non truncar este desexo da maioría de andaluces expresado
onte nas urnas”.
De igual xeito, sinalou que o seguinte
paso é falar cos partidos con representación parlamentaria e ver as
posibilidades de goberno alternativo que hai nestes momentos. Departamento de comunicación