A eurodeputada do BNG, Ana
Miranda, lamenta que o xuíz instrutor do accidente do Alvia, no que o 24 de
xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, dea por rematada a fase
de instrución sen investigar a fondo as causas do accidente.
“É curioso que o xuíz propoña a
apertura de xuízo unicamente contra o maquinista do tren Alvia, Francisco José
Garzón, e contra quen no seu momento foi director de Seguridade na Circulación
de Adif, Andrés Cortabitarte”, manifesta Ana Miranda, quen considera que
ademais de responsabilidades técnicas na desconexión do sistema de seguridade
tamén existen responsabilidades políticas, máis alá da que se lle pode botar a
Cortabitarte por desconectar o sistema de control da velocidade dos Alvia un
ano antes do accidente.
Para a eurodeputada nacionalista,
xa que o xuíz considera que Cortabitarte autorizou a desconexión sen realizar
previamente unha avaliación do risco que se podía inferir desa desconexión
“sería necesario que decidise chegar ao fondo desa cuestión e investigar por
que non se realizou esa avaliación de riscos”.
Axencia Ferroviaria Europea
Ao seu xuízo, deste xeito a
investigación “queda coxa”, mentres que pola contra, podería avanzar se citase
a comparecer ao do Director da Axencia Ferroviaria Europea (ERA),
JosefDoppelbauer, e ao xefe da unidade de Seguridade Ferroviaria,ChristopherCarr.
Hai que lembrar que Ana Miranda é a denunciante por procedemento de infracción
contra o Estado español por vulneración da normativa comunitaria aplicable no
momento do accidente.
Precisamente, a normativa
comunitaria esixe que o Estado español debía ter velado porque RENFE e ADIF
aplicaran obrigatoriamente as medidas necesarias de control de riscos, coa
responsabilidade deque houbera unha explotación segura do sistema ferroviario e
do control de riscos creados nel, tal como esixe a Directiva Marco de
Seguridade Ferroviaria de 2004 e o Regulamento do Método Común de Seguridade de
2012.
Esta normativa esixe realizar
unha avaliación de riscos integral nos sistemas estruturais (Infraestrutura,
enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico
ferroviario...) e tanto RENFE como ADIF eran responsables da súa parte do
sistema e da explotación segura.
Informe da ERA
Ana Miranda lembra que o primeiro
informe da ERA, de xullo de 2013, que cuestionaba a investigación feita pola
CIAF, xa afirmaba que non se comprobara a avaliación previa de riscos, o estado
da vía e do tren”. “Non podemos esquecer que foi grazas a ese informe europeo
que tres días despois a Audiencia Provincial da Coruña reabrira o caso citando
a responsables técnicos de ADIF e RENFE”.
Tras a denuncia presentada en
xullo de 2017 e que está pendente de resposta pola Comisión Europea, a Comisión
comprometeuse coa denunciante a preparar un novo informe da Axencia Ferroviaria
Europea (ERA) para avaliar a transposición da normativa no momento presente.
Para abrir un procedemento de infracción, a Comisión Europea ten que avaliar a
situación actual xa que se non se cumpre agora, non se cumpriu no pasado. Departamento de comunicación