A banda deseñada galega converteuse na gran vencedora do Saló del Cómic de Barcelona ao acadar tres dos premios principais. Así, o Gran Premio do XXV Saló foi para Miguelanxo Prado, en recoñecemento da súa traxectoria profesional, mentres que David Rubín obtivo o galardón ao autor revelación. Completa o palmarés o colectivo Polaqia, que conseguiu colocar Barsowia como o mellor fanzine do ano. Os autores galegos fanse así con tres dos sete premios aos que optaban. A banda deseñada galega asiste dende onte ao Saló del Cómic baixo unha mesma marca. A representación galega estivo reunida por primeira vez nun stand institucional que promove a creación da comunidade cunha mostra de traballos realizados por autores galegos. Ademais das exposicións 'A historieta galega' e 'A banda avanza', as actividades do Saló inclúen encontros con creadores, presentación de iniciativas, reunións de traballo e mesas redondas. A maiores, distribuirase un catálogo multilingüe en formato dixital que recolle o traballo de 200 autores de banda deseñada galega. Visita institucional A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, visitou o Saló para apoiar a banda deseñada e como mostra da importancia que o departamento que dirixe concede á súa promoción. Na súa visita a Barcelona, Bugallo reuniuse co seu homólogo catalán, Joan Manuel Tresserras i Gaju, con quen se comprometeu a establecer redes comúns de programación nos eidos da música, da danza e do teatro. Cultura apoiará a presenza do cómic galego na Feira de Boloña, na de Frankfurt e na da Habana no prazo dun ano.