Pontevedra | Os socialistas da capital da
provincia reuníronse este venres para presentar a Tino Fernández como candidato
á alcaldía de Pontevedra, onda xa é portavoz do grupo municipal. O socialista
quere acadar o bastón de mando “para reducir as desigualdades en Pontevedra”.
“O alcalde viaxa polo mundo ensinando
fotos do centro da cidade mentres mantén as parroquias e os barrios
abandonados”, denuncia o futuro alcalde socialista da cidade. “Pontevedra é
algo máis que a améndoa central da que tanto presume Lores; hai que atender
tamén aos veciños que non viven en Benito Corbal ou na zona vella”.
Fernández fixo unha pequena
introdución ao que serán as apostas do seu principal goberno, centrado en
mellorar problemas como a mobilidade, o transporte público ou a redacción e
aprobación dun novo PXOM. “Hai que traballar en que o modelo de cidade chegue a
todas e todos”.
Así mesmo, tamén fixo tamén dúas
propostas relacionadas coa sanidade: a primeira delas é a implantación de dúas
vías sanitarias libres de lombos redutores de velocidade, una ao sur e outra ao
norte, para facilitar o acceso en ambulancia ao hospital de Montecelo; a
segunda, o “compromiso firme para que o aparcamento deste hospital sexa
gratuíto, algo ao que se opuxeron tanto o BNG como o PP”.
David Regades
David Regades, pola súa parte, quixo
mostrar o apoio “de todo o partido da provincia de Pontevedra” a Fernández.
“Podes contar con nós para o que precises, só tes que chamarnos”, asegurou o
secretario xeral provincial.
“Nós non gobernamos igual que o
Partido Popular, que a dereita”, defendeu Regades, que recordou que na
Deputación de Pontevedra cando gobernaba o PP “nin había un servizo de
Igualdade nin había presuposto para esa área; con Carmela Silva iso xa non é
así”. “Estou seguro de que Tino será o próximo alcalde de Pontevedra, e que con
el á fronte Pontevedra medrará como cidade”, aseguro o secretario xeral, que
quixo despedir a súa intervención dedicándolle un poema de Mario Benedetti.
Precisamente ao redor da igualdade
fixo xirar o seu discurso Carmela Silva, presidenta da Deputación. “É o eixo
principal que atravesa todas as políticas que aplicamos desde a institución que
presido”, defendeu a socialista. “A democracia, o socialismo, é a loita pola
igualdade”.
“Tino está a facer un gran traballo
no Concello, leva loitado moito para que Pontevedra sexa algo máis que a cidade
que aparece nas fotos que ensina Lores”, asegurou Silva. “As que estamos nas
administracións locais somos conscientes do enorme poder que ostentamos para
cambiar e mellorar a vida da xente, e ese o principal obxectivo das e dos
socialistas”.
Gonzalo Caballero
Pola súa parte, Gonzalo Caballero quixo mostrar o seu
apoio ao “próximo alcalde de Pontevedra”. “O proxecto socialista está medrando
tanto en España como en Galicia”, afirmou sen deixar lugar a dúbidas o secretario
xeral galego, que se mostrou seguro de que as próximas eleccións municipais
“serán o principio do fin de Feijóo como presidente da Xunta de Galicia”. “Hai
unha vaga progresista que percorre España e Galicia, e que lidera Pedro
Sánchez” como presidente do Goberno. Departamento de comunicación