Este luns, Santiago de Compostela terá a honra de poder escoitar á Catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña Amparo Alonso, quen acudirá á cidade convidada polo Ateneo de Santiago para impartir unha das súas conferencias semanais de Os Luns do Ateneo.Co título “Intelixencia Artificial, que é e por que é importante?”, a actual Presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial describirá que é a Intelixencia Artificial, os tipos de aplicacións máis comúns no mercado, como nos afectará previsiblemente aos humanos e que desafíos principais traerá consigo.
O acto terá lugar ás 20.00 horas na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela e será de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo dispoñible, rematando co tradicional debate co público asistente.
Amparo Alonso foi Posdoutoral Fellow no Medical College de Georgia (EEUU), onde traballou tres anos, e actualmente coordina o grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) na Universidade da Coruña.
A súa área de investigación é o desenvolvemento e a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial en diversas áreas, así como a Aprendizaxe Computacional e as técnicas de Ciencia de Datos (Big Data), colaborando con outros grupos de investigación nacionais e estranxeiros e sendo autora de varios artigos científicos e libros sobre o tema. Recibiu en 1998 o Premio L’Oréal-UNESCO a Women in Science en España e é Senior Member de asociacións profesionais de nivel internacional, como IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) e ACM (Association for Computing Machinery). Departamento de comunicación