A Coruña | A área de Cultura da Deputación da Coruña triplica o orzamento destinado
ao apoio da cultura de base chegando nesta nova convocatoria a 3.465.000 millóns de euros, en
oito liñas de axuda en concorrencia competitiva fronte ás dúas que se
publicaban no anterior mandato. A estas liñas hai que sumar ás destinadas aos concellos
e á Rede Cultural que tamén duplica o
orzamento.
A Deputación da Coruña experimentou unha
modificación radical do modelo de xestión ao centrar o apoio ao sector cultural
en liñas de axuda en concorrencia competitiva, con criterios obxectivos, que se
consolida no actual exercicio cun orzamento que multiplica por tres e medio o
anterior e cuadriplicando o número de convocatorias, para adaptalas as
necesidades e a natureza do ámbito cultural. A convocatoria de liñas de axuda
está aberta até o vindeiro 15 de febreiro.
"O número de convocatorias e o orzamento
supoñen un cambio substancial na xestión cultural, que centra a súa actuación
en liñas de axuda públicas con criterios obxectivos, incrementando o apoio ao
sector que crea e difunde cultura mais eliminando o clientelismo. Na área de
Cultura da Deputación da Coruña conseguimos que a xestión fose transparente e
con convocatorias abertas a todo o sector", explica a vicepresidenta e
responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
Desta maneira, dunha convocatoria xeral para
entidades culturais pasouse a un panorama en que, ademais da liña á que
concorren as asociacións para actividades e investimentos -dotadas con
1.000.000 e 300.000 € respectivamente- súmase seis convocatorias máis entre as que está a destinada a entidades ou
fundacións que sexan titulares de museos, centros de interpretacións ou
bibliotecas que optan a un orzamento de 465.000 euros.
A cultura popular representada por corais
polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile
tradicional e formacións musicais de grande formato contan tamén con dúas liñas
de axuda específica creadas no presente goberno, unha delas dotada con 480.000
€ para actividades e outra con 195.000 euros
para investimentos.
De nova creación é tamén a convocatorias destinadas
a festivais que suman máis dun millón de euros, 500.000 para os organizados por
entidades. A estas partidas súmanse tres convocatorias ás que poden concorrer
empresas do sector cultural como son as de proxectos singulares, con 200.000 euros,
a de distribución audiovisual en galego, con 125.000 euros e á de proxectos
culturais pola igualdade, Luísa Villalta que esta dotada con 200.000 euros.
En total, son 3.465.000 € que a área de Cultura da
Deputación da Coruña xestiona para afortalar o sector cultural por medio de
convocatorias en concorrencia competitiva, con comisións técnicas de valoración
externas -formadas por especialistas de recoñecido prestixio- e con criterios
claros e transparentes. Departamento de comunicación