A Coruña | A Deputación da Coruña convoca
cinco programas de subvencións destinados a apoiar ás entidades e clubs deportivos
da provincia. Cun orzamento global de 1,3 millóns de euros, as axudas teñen como
obxectivo "a promoción da actividade deportiva en todos os seus ámbitos,
dende o fomento do deporte base ao apoio a grandes eventos", segundo
explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Formoso subliñou "o importante esforzo inversor” que
realiza a Deputación en materia deportiva e sostivo que estas liñas de
subvencións contribúen a manter a actividade e o funcionamento dos equipos
coruñeses en competicións de todas as disciplinas e categorías deportivas,
"recoñecendo o esforzo que fan cada día milleiros de deportistas para
colocar aos clubs coruñeses na vangarda do deporte galego".
Apoiar os clubs en competicións oficiais
As bases dos diferentes programas
veñen de ser publicadas no BOP do 13 de febreiro e recollen cinco modalidades diferentes de
subvencións.
Dous dos programas
están dirixidos a clubs deportivos da provincia da Coruña que participen en
competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico (150.000
euros) ou nacional e internacional (447.000 euros).
No caso dos clubs que compiten a nivel local, provincial
e autonómico as axudas oscilarán entre os 5.000 e os 75.000 euros que se
poderán destinar a cuestións como a adquisición de material deportivo non
inventariable, aloxamento, seguros, soldos e salarios do persoal deportivo,
cotas a entidades ou gastos de participación en competicións oficiais. Para os
clubs federados que compiten a nivel nacional ou internacional estas axudas
poden chegar ata os 200.000 euros.
Infraestruturas, equipamento e actividades
A Deputación convoca tamén un programa de axudas dotado
cun orzamento de 400.000 euros e destinado ás entidades deportivas da provincia
para mellorar as súas infraestruturas e equipamento durante o ano 2019. As
entidades poderán solicitar así subvencións da institución provincial para a
adquisición, rehabilitación ou mellora de instalacións, obra nova, bens
inventariables como maquinaria, equipos informáticos ou medios de transporte,
entre outras. Nesta liña, as achegas da Deputación oscilarán entre os 1.000 € e
os 40.000 euros.
Tamén se dota con 150.000 euros a liña de actividades
deportivas de entidades que teñan como finalidade mellorar a condición física,
a ocupación activa do tempo de lecer, o deporte afeccionado ou popular, a
promoción social dos valores deportivos, ou a organización de actividades de
formación. Neste caso as axudas poden ir desde 1.000 a 30.000 euros.
Grandes eventos deportivos
A área de Deportes reserva tamén 150.000 euros para unha
liña de subvencións destinada a apoiar ás entidades sen ánimo de lucro da
provincia na organización e desenvolvemento de grandes eventos deportivos,
singulares ou de especial interese pola súa incidencia en termos deportivos,
sociais ou económicos para o territorio no que se celebran. O orzamento mínimo
destes eventos para acceder ás axudas debe ser de 50.000 euros e a Deputación
achegará subvencións de entre 6.000 e 70.000 euros, en función do orzamento.
Entre outras cuestións, as entidades organizadoras deben
acreditar os recursos materiais e humanos necesarios para o desenvolvemento do
evento, o número de deportistas participantes femininas, o seu ámbito
(autonómico, nacional ou internacional), a inclusión ou non da proba no
calendario oficial de competicións e o impacto deportivo, social ou económico
previsto, número de edicións e o interesa da proposta. Departamento de comunicación