Os concellos, entidades sen ánimo de
lucro especializadas na atención a persoas con capacidades diferentes e
en risco de exclusión social e as confederacións e asociacións
empresariais e sindicais de Galicia xa poden solicitar as axudas da
Xunta para apoiar a contratación ou mantemento de orientadores laborais.
O Diario Oficial de Galicia (DOG)
vén de publicar esta liña de apoios á que a Consellería de Economía,
Emprego e Industria destina este ano 6,1 millóns de euros. O prazo de
solicitude está aberto ata o próximo 12 de marzo.
A Administración
autonómica prevé con estes apoios a creación ou mantemento de 251
empregos. Os contratos terán unha duración dun ano financiándose estes
empregos cunha contía máxima de 25.000 euros por cada técnico en
orientación laboral contratado a tempo completo e con 28.000 euros cando
o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice
actividades de atención a persoas con capacidades diferentes. Galicia
conta cunha Rede galega de orientadores laborais, formada por preto de
500 persoas, que atende de media a máis de 80.000 desempregados.
Os
orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses
individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados;
proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos
incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego;
contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar
unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a
oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento
das competencias adquiridas.
A mellora da orientación laboral cun
enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás
empresas é un obxectivo prioritario da Axenda 20, a folla de ruta do
Goberno galego en materia laboral. Para iso, a Consellería de Economía,
Emprego e Industria está a traballar para poñer en marcha o novo modelo
de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando
accións presenciais e en liña, para o que está a facer unha importante
aposta polo desenvolvemento das novas tecnoloxías.