A Feira do Libro de Santiago arranca este venres cunha menor participación de librerías a causa da crise do sector. Así o explicou hoxe o director técnico do evento, Antonio Fernández Maira, na presentación da feira en Santiago, acompañado polo director xeral de Creación Cultural, Luís Bará, e o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral. A escritora compostelá Inma López Silva será a encargada de ler o pregón o sábado para inaugurar a primeira das 13 feiras do libro organizadas pola Federación de Libreiros de Galicia que se sucederán ata o final do verán en distintas localidades. Este ano incorpóranse Lalín e Vilagarcía, que celebrarán a súa primeira feira do libro. Un total de 20 librerías de toda Galicia instalaron xa a súa caseta no Paseo Central da Alameda compostelá. A pesar do descenso de participantes, a organización mantén un nivel "optimista" de actividades, ao consideralas "fundamentais" para a difusión do libro. Ao longo de dez días, a feira compostelá acollerá distintas actividades, de xeito que cada día será unha festa diferente. Así, o luns celebrarase o Día da Poesía, cun recital de regueifas e outro coordinado pola poeta Antía Otero, e o martes, o Día da Memoria, cunha charla coloquio con Isaac Díaz Pardo e María Antonia Iglesias. Colectivos sociais como a Organización de Ciegos Españoles (Once) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia centrarán mañá a xornada inaugural, cunha mesa redonda sobre cegueira e libros accesibles e sobre a linguaxe de signos. A organización ten preparadas actividades dirixidas a nenos e para visitas escolares, como un obradoiro de banda deseñada impartido por Pepe Carreiro. Presentacións de libros e sinaturas de exemplares a cargo dos autores completarán as actividades tradicionais da feira, que contará coa presenza de Fina Casalderrey, Suso de Toro, Fran Alonso, Teresa Moure, María do Cebreiro e Diego Ameixeiras, entre outros. Xira Tralo seu paso por Santiago, a Feira chegará o 12 de maio á Praza Maior de Lugo, onde permanecerá ata o día 20. Continuará na Explanada do Auditorio de Vilagarcía entre o 21 e o 24 de maio. As seguintes citas serán en Ourense, Ferrol, Noia, Vigo, Cangas, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte. O presidente da Federación de Libreiros, Xaime Corral, salientou como as de A Coruña e Santiago como as de maior volume, así como as de Cangas e Viveiro, cunha grande afluencia a pesar de contar con menos de 30.000 habitantes. Outro dos grandes eventos relacionados co libro é a Feira do Libro e da Industria Cultural, Cultur.gal, organizada pola Asociación Galega de Editores, que se desenvolverá entre o 10 e o 13 de maio en Pontevedra. Para o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, estas feiras serven de "escaparate do bo momento da edición literaria e do nivel da literatura galega" que está a recibir recoñecemento nacional e internacional. Ao tempo, "forman parte dunha estratexia para mellorar" os índices de lectura e a compra de libros, precisou Bará.