A Coruña | Noventa dos noventa e tres concellos da provincia da Coruña xa realizan os seus
procesos de licitación e contratación de xeito íntegramente electrónico, tal
como esixe a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público.
Este gran avance, que sitúa á provincia da Coruña
como unha das primeiras de España en adaptarse á nova lexislación, ten lugar en
gran medida grazas ao soporte técnico e xurídico que dende a Deputación se vén
prestando aos municipios da nosa provincia dende a entrada en vigor da Lei, en
marzo de 2018.
Así o anunciou hoxe o presidente da institución
provincial, Valentín González Formoso, que deu a coñecer os primeiros resultados
do Plan de Implantación da Licitación Electrónica (PIL) que puxo en marcha a
Deputación hai un ano “para dar resposta aos retos que supuña para os concellos
coruñeses – principalmente os máis pequenos, con menores recursos técnicos,
humanos e económicos- a posta en marcha
da nova lexislación estatal en materia de contratación pública”.
González Formoso destacou o traballo conxunto
desenvolvido polos servizos provinciais de Infomática e Administración
Electrónica e Contratación para “prestar aos concellos o soporte e asesoramento
integral, tanto no plano técnico coma no xurídico, para adaptarse á nova Lei de
Contratos e conseguir que, en menos de un ano, a práctica totalidade dos
concellos coruñeses estean tramitando as contratacións de xeito 100% electrónico,
situando a esta provincia nun nivel punteiro a nivel estatal”.
Máis de 1.000
licitacións electrónicas por importe de 155 millóns
Segundo os datos ofrecidos polo presidente da
institución provincial, tras recibir máis de 1.104 consultas, a Deputación da
Coruña ofreceu ata o día de hoxe aisitencia técnica e
xurídica aos concellos na tramitación de 1.007 expedientes de licitación
electrónica, por un importe total de 155
millóns de euros.
A
Deputación colaborou tamén na implantación da Lei de Contratos poñendo a
disposición dos concellos os novos pregos tipo e a fórmula de valoración das
ofertas económicas, adaptada á nova lexislación e elaborada en colaboración coa
Universidade de Santiago.
Ademáis,
a Deputación formou durante este ano a 270 funcionarios de 88 concellos para a
posta en marcha dos procesos de licitación electrónica. Unha iniciativa que
continuará en 2019 coa posta en marcha do programa PEL-Concello Dixital,
destinado a acelerar a transformación dixital dos pequenos concellos da provincia
coa contratación dun equipo de expertos que darán soporte in situ, formarán ao
persoal municipal e acelerarán a implantación da e-administración nos 82
municipios coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
PEL-Concello
Dixital suporá un investimento de 693.000 euros para implantar unha
administración 100% dixital nos concellos coruñeses en 2019. Departamento de comunicación