O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 2,8% no ano
2018, tres décimas por riba do crecemento rexistrado polo PIB no
conxunto de España, e creou 18.880 postos de traballo equivalentes a
templo completo, segundo reflicten os datos da Contabilidade Trimestral
publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
O PIB
de Galicia acadou no conxunto do ano 2018 un crecemento por riba do
incremento medio estimado no Plan Estratéxico de Galicia para o período
2015-2020. Ademais, o crecemento foi superior ao rexistrado polo PIB de
España (2,5%), segundo as cifras publicadas a finais de xaneiro polo
Instituto Nacional de Estatística (INE).
O bo comportamento da
economía galega en 2018 sustentouse, por unha parte, no crecemento do
gasto en consumo final, que medrou un 2,2%, seis décimas máis que no
exercicio anterior. Tamén tivo un efecto moi positivo a excepcional
evolución da formación bruta de capital, un indicador relevante para
coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no
eido empresarial, e que o ano pasado medrou un 7%.
Ademais, as
exportacións de bens e servizos de Galicia volveron mostrar un ano máis a
súa fortaleza, e acadaron no conxunto do ano un incremento interanual
do 3,4%, por riba do crecemento rexistrado polo PIB galego.
Ao
igual que o ano anterior, todos os sectores da economía galega tiveron
en 2018 un comportamento positivo. O maior incremento rexistrouse no
sector da construción (6,1%), seguido pola industria (3,8%) e o sector
servizos (2,5%). O menor avance produciuse no sector primario
–agricultura, silvicultura, gandería e pesca-, que medrou un 0,9%.
Máis emprego
Os
datos do organismo estatístico autonómico mostran que a economía galega
conseguiu crear o pasado ano 18.880 postos de traballo equivalentes a
tempo completo, o que supón un incremento do 1,9% sobre o ano anterior.
Desde 2015, o número de postos de traballo equivalentes a tempo completo
creados en Galicia supera os 65.500.
Previsións cumpridas
As cifras do IGE confirman que a Xunta
de Galicia cumpriu as súas previsións macroeconómicas. En concreto, o
Goberno galego estimara nos Orzamentos para 2018 un crecemento do PIB do
2,5%, previsión que foi corrixida á alza –ata o 2,8%– na presentación
dos Orzamentos para 2019, o pasado mes de outubro.
Cuarto trimestre
En
canto aos datos específicos do cuarto trimestre, o IGE mostra que o PIB
galego acelerou o seu crecemento na última parte do ano. De feito,
tanto o crecemento interanual (2,6%) coma o trimestral (0,7%) no cuarto
trimestre do ano foron superiores nunha décima aos do terceiro
trimestre.