A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará esta madrugada e que afectará o litoral das provincias da Coruña e Lugo.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), nas primeiras horas desta madrugada, espérase mar combinada do oeste con ondas entre 5- 6 metros, no oeste e suroeste da provincia da Coruña. No litoral da provincia de Lugo e no noroeste da provincia da Coruña esperase mar combinada do oeste con ondas de 6 metros e vento do oeste e de forza 7.
Ademais,activase tamén alerta laranxa por vento na Mariña lucense que dará comezo no mediodía deste domingo con refachos que poden acadar os 100 km/h. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.