O
Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria de axudas das liñas de
axuda do Plan de Emprego Local (PEL) para a anualidade 2019, dirixidas a pequenas,
medianas empresas, microempresas e autónomos/as. O prazo de presentación de
solicitudes abrirase mañá xoves, 21
de marzo,e remata o día 22 de abril de 2019, ás 14:00h.
Segundo explicou o
presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o obxectivo das axudas “é
contribuír á consolidación e fortalecemento do tecido empresarial nos concellos
da provincia da Coruña, axudando ás pequenas empresas, autónomos e
emprendedores na creación de emprego e no financiamento de investimentos e
actividades”.
González Formoso
destacou que é o terceiro ano que se convocan estas liñas de axudas, que en
2019 suporán un investimento de 5.260.000 euros, dos que 3 millóns se destinan
a subvencionar a contratación de traballadores/as e 2,26 millóns a financiar
novos investimentos en actividades en empresas de recente creación.
PEL-PEMES subvenciona ata o 75% na contratación de
persoal
A liña PEL-PEMES
subvencionará ás pemes situadas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da
provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de
desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 75% do
soldo e a Seguridade Social do traballador contratado, ata un máximo de
16.500 euros anuais. O período de
contratación subvencionable abarca desde 1 de xaneiro de 2019 e ata un máximo
de dous meses posteriores á data de concesión das axudas.
Habilítase tamén unha
liña PEL-PEMES Mantemento, que subvencionará as contratacións laborais
indefinidas das entidades subvencionadas na convocatoria anterior do programa,
de maneira que os beneficiarios da convocatoria anterior poidan optar a unha
nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2018 durante 12 meses
máis, financiándose o 50% do soldo e seguridade social cun importe máximo da
axuda de 11.000 euros.
PEL-Emprende, axudas para investimentos e actividades
Na liña PEL-Emprende
Investimento financiaranse a realización de investimentos en bens
inventariables novos e necesarios para o desenvolvemento da actividade en empresas
cunha antigüidade máxima de 5 anos. As
axudas cubrirán ata o 80% do investimento, cun máximo de 20.000 euros de axuda
a fondo perdido, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria,
utillaxe, mobiliario e equipos para procesos de información.
Na liña PEL-Emprende Actividades
contémplanse axudas para subvencionar as actividades e/ou actuacións no
desenvolvemento da iniciativa empresarial nos ámbitos de Responsabilidade
Social Empresarial, Marketing,
comunicación, competitividade e expansión en empresas cunha antigüidade máxima de 10
anos. As axudas cubrirán ata o 80% do orzamento da actividade, cun máximo de
4.800 euros.
Os investimentos e as
actividades subvencionadas nas liñas PEL Emprende, deberán ser realizadas no
período comprendido entre 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.
O orzamento increméntase este ano en 1 millón de euros
A Deputación da
Coruña amosa, unha vez máis, a súa
aposta pola creación de emprego aumentando o orzamento nestas liñas en 1.000.000
de euros respecto á convocatoria de 2018, polo que agarda que teña tan boa
acollida polas empresas do territorio provincial. Na convocatoria de 2018 foron
recibidas un total de 2.260 solicitudes.
É preciso destacar
que se segue valorando con maior puntuación a presenza feminina e a de persoas
con diversidade funcional na participación do capital das empresas e como novidades principais das liñas 2019 pódense
destacar as seguintes:
.- Valoraranse cunha maior puntuación as empresas enmarcadas
na economía social como as
cooperativas e sociedades laborais.
.- Outorgarase unha maior puntuación a
aqueles solicitantes que non tiñan sido
beneficiarios na convocatoria anterior co obxectivo de poder chegar a máis
empresas do territorio.
.- Tamén se valorarán especialmente aquelas empresas
enmarcadas nas actividades económicas
consideradas con mellores perspectivas segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego (EEAE 2017-2020).
Como son as de Hostalería e turismo, recuperación do comercio polo miúdo,
comercio por xunto, transporte e loxística, educación, sanidade, servizos
sociais, servizos avanzados ás empresas…
A solicitude das
axudas só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas
bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. Todos os anexos
requiridos para a presentación das candidaturas poderán ser descargados na
plataforma SUBTeL, na sección correspondente ás diferentes convocatorias.
O prazo de presentación
das solicitudes abrirase mañá día 21 de marzo e se pechará o día
22 de abril de 2019, ás 14:00h. Pode consultar as
bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia nº 45 do día 6 de marzo de
2019 e na páxina web da deputación da Coruña