A Coruña | Máis de
cincuenta persoas serán contratadas para as oficinas de turismo a través da
convocatoria da área de Turismo da Deputación da Coruña que destina case
oitocentos mil euros ao financiamento desta liña de axuda aos concellos. Un total
de 774.273,73 euros é o orzamento da concesión provisional da liña de axudas para
contratación de persoal para oficinas de turismo convocadas pola Deputación da
Coruña.
Son
cincuenta e cinco os concellos de menos de 50.000 habitantes que son
beneficiarios desta convocatoria que concede nesta edición até 20.000 euros por
municipio segundo a solicitude realizada, o tempo de contratación ou o número
de persoas contratadas.
A
Deputación da Coruña aposta con esta liña pola profesionalización do sector co
financiamento das retribucións do persoal técnico para oficinas de turismo de
concellos, por un período mínimo de catro meses, coincidindo coa tempada alta
de turismo.
"Esta
liña é un eixo fundamental da xestión da área de Turismo da Deputación da
Coruña xa que, por unha parte, contribúe á empregabilidade de persoas con
formación no sector e, pola outra, é fundamental á hora de profesionalizar a
atención turística, coa contratación de persoas especializadas", sinala o
deputado responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira.
Segundo o
deputado de Turismo, con esta liña conséguense "materializar novas
contratacións que irán en beneficio da planificación turística e ampliarán o
período de atención ás persoas que visitan o territorio da Coruña".
Os
criterios de baremación das solicitudes contemplaron variábeis como o número
total de aloxamento en establecementos turísticos do concello ou agrupación dos
concellos, a capacidade de cobertura da demanda turística, a existencia de
oficinas de información turística diferenciadas ou o interese turístico e a
planificación sostida.
A liña da
área de Turismo reverte na creación de postos de traballo no sector turístico,
un dos obxectivos do departamento da Deputación da Coruña que convocou de novo
unha liña de axudas pola que, na anterior edición, contratáronse 53
persoas.
O persoal
que ocupe prazas dos concellos deberá estar en posesión dos títulos de
técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística, Turismo, técnico
en Empresas e Actividades Turísticas ou grao e licenciatura en Historia da
Arte, Humanidades, Xeografía e Ordenación do Territorio ou Historia. A
resolución provisional pode verse na seguinte ligazón. Departamento de comunicación / Deputación da Coruña.