A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional,
Carmen Pomar, asistiu hoxe á primeira xunta de goberno do Consorcio
Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG).
O
CISUG é un órgano novo con personalidade xurídica propia e adscrito á
Universidade de Santiago de Compostela, aínda que conta con
representación tamén da Xunta e das universidades da Coruña (UDC) e Vigo
(UVigo). Cada institución académica ten un 30% de representación,
mentres que o Goberno galego terá o 10%, dado que o órgano está
circunscrito a materias de ámbito competencial propio das universidades.
O
obxectivo desta entidade é impulsar a cooperación das tres institucións
universitarias en materia organizativa, económica, técnica e
administrativa co obxectivo de acadar unha maior calidade e eficiencia
no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Entre outras accións,
colaborarase á hora de establecer os procedementos de acceso ás
ensinanzas universitarias oficiais e de admisión de alumnado ás
universidades do SUG. Así mesmo, acordará as accións necesarias no caso
de titulacións que sexan impartidas de xeito conxunto por máis dunha
institución.
Tamén desenvolverán proxectos colaborativos de
calquera tipo que redunden nunha maior eficiencia, eficacia ou
consecución de fins de interese común do sistema; e impulsarán políticas
de empregabilidade e de xestión coordinada sobre a inserción laboral
dos seus titulados. Ademais, adquiriranse, de xeito centralizado,
ferramentas informáticas, material científico, bibliográfico, ou
calquera outro subministro ou servizo que comporte aforros para o
conxunto do SUG.
Órganos de goberno
O CISUG estará rexido
por cinco órganos de goberno. En primeiro lugar, a xunta de goberno,
máxima autoridade dentro do ente que celebrou hoxe a súa primeira
reunión, composto por tres representantes de cada unha das universidades
e dous da Xunta de Galicia. A presidencia será exercida de forma
rotatoria por un representante dunha universidade cada catro anos. A
secretaría estará constituída por un dos membros da xunta de goberno e
tamén terá carácter rotatorio, o consello de dirección adoptará as
decisións ordinarias de funcionamento e elevará as propostas de
actuación á xunta de goberno, mentres que, por último, haberá comisións
de goberno para cada unha das grandes áreas do CISUG, sometidas á
coordinación e dirección dos anteriores.
A xunta de goberno reunirase, polo menos, dúas veces por ano, e
adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos, aínda
que se fai unha reserva á unanimidade para a adopción de acordos sobre a
modificación dos estatutos, acordo de disolución ou separación,
incorporación de novas funcións, réxime de goberno, orzamento,
planificación anual de actividades e a organización do persoal.
Así
mesmo, contará cunha xerencia para a xestión ordinaria do consorcio, e
dúas direccións de áreas, especializadas en sectores de actuación
concretos.