Padrón | Tal e como estableceron as bases da sétima edición do certame de declaracións de amor en galego na rede dirixido á mocidade Lingua de namorar,
Padrón acolleu hoxe o acto de entrega de premios, no que participaron o
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora
xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o
delegado territorial, Ovidio Rodeiro.
“Que mellor lugar para facer entrega dos premios da que xa é a oitava edición do certame Lingua de namorar
ca esta Praza dedicada a Macías O Namorado, un poeta padronés que
cantou o seu amor en galego, tal e como vós, premiados e premiadas,
fixestes en pleno século XXI, aínda que usando un tipo de texto e un
medio de transmisión diferente e adaptado aos novos tempos”, sinalou
García Gómez na súa intervención, na que quixo recordar que “o obxectivo
de Lingua de namorar, que vai máis aló
ca un certame literario ao uso. Con esta iniciativa, as consellerías de
Cultura e Turismo e de Política Social queremos animar as novas
xeracións a continuar expresando en galego o que en galego sempre se
expresou, os afectos; que os mozos e mozas empreguedes no voso día a día
a que foi lingua de trobadores sabendo que é tamén un idioma do século
XXI que serve para ser usado en cantos ámbitos e soportes, novos e
vellos, se lle presenten”.
Pola súa banda, Cristina Pichel
destacou que esta é “a edición das primeiras veces”, posto que é a
primeira vez que resulta premiado un mozo de fóra de Galicia, que unha
persoa repite galardón por segunda vez (Nee Barros) e, tamén, “é a
primeira vez que tecemos sinerxías entre o talento da xuventude galega,
posto que a persoa que musicou as mensaxes gañadoras, David Dealonso,
foi 2º premio en Xuventude Crea 2018”, sinalou. “Isto demostra”, en
palabras da directora xeral, “que os mozos e mozas galegas teñen
talento, que se esforzan día a día e que están comprometidos co noso
idioma”.
Seis premios e unha mención de honra entre case 600 participantes
Recolleron
os seus premios, na categoría A, que englobaba as mensaxes de mozos e
mozas que teñen entre 14 e 19 anos, Nee Barros (Marín, Pontevedra) coa
mensaxe “Máis que choiva”; e o segundo e o terceiro premio,
respectivamente, Irea Cendán (As Pontes, A Coruña), por “Conto contigo”,
e Yago Rubio (Vega de Espinareda, León), por “Tan guapa”. Este último,
alumno do IES leonés de Cacabelos, un dos 19 centros de ensino que
participan no Programa de Promoción do Galego no Bierzo e en Sanabria
que impulsan a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.
Na
categoría B, para mozos e mozas que contan entre 20 e 35 anos, recibiuno
Navia Rivas (Boimorto, A Coruña) con “Este para min”. O segundo, Darío
Rodríguez (Vigo, Pontevedra), por “Amor diglósico”, e o terceiro
Cándido Paniagua (Xinzo de Limia, Ourense), por “A discusión: corazón
vs. cabeza”. Nesta categoría recibiu tamén unha mención de honra do
xurado María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo), por
“Escoiteite”.
Estes seis gañadores e a mención de honra
impuxéronse de entre os preto de 600 mozos e mozas que participaron na
sétima edición de Lingua de namorar. Os textos gañadores e os premios concedidos poden verse na páxina web do concurso e no Portal da Lingua galega.