A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar,
mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), un novo
programa de axudas por 255.000 euros para impulsar a mellora da
comercialización e a proxección exterior da Artesanía de Galicia.
A
través desta iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes
permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de abril, concederanse aos
titulares de obradoiros artesanais apoios de ata 8.000 euros para a
asistencia a feiras fóra de Galicia, tanto nacionais como
internacionais.
Por outra banda, as asociacións profesionais de
artesáns poden solicitar axudas tanto para a organización de feiras de
artesanía no ámbito de Galicia de distintos oficios, cun número mínimo
de 15 edicións, como para a participación como expositor en feiras
profesionais nacionais ou internacionais, celebradas fóra da Comunidade.
No primeiro dos casos, a axuda pode alcanzar os 30.000 euros, mentres
que no segundo é dun máximo de 7.000 euros por feira. A axuda máxima por
asociación é de 45.000 euros.
Pola súa banda, os concellos poden
obter apoios de ata 15.000 euros para a organización de feiras
monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e posta en valor de produtos
dun mesmo oficio tradicional, cun número mínimo de 15 edicións.
Para
feiras non monográficas de distintos oficios cun número mínimo de cinco
edicións a axuda é de 3.000 euros cando un mínimo do 80% dos
participantes estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia
e de 1.500 euros cando a porcentaxe sexa inferior. En total, a axuda
máxima por beneficiario é de 15.000 euros.