Ourense | O director xeral de Políticas Culturais,
Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación da
Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) que se
celebrará entre o xoves 25 de abril e o sábado 11 de maio en diferentes
espazos da cidade.
Tal e como se avanzou na rolda de prensa,
participarán na edición deste ano compañías universitarias e
profesionais de Galicia, do resto do Estado e do exterior que ofrecerán
30 representacións de diversos xéneros e estilos no Teatro Principal, no
Auditorio Municipal ou en diferentes localizacións do Campus
Universitarios. Ademais, tamén haberá funcións de acceso libre no Café
Auriense e en espazos públicos da cidade de Ourense como a praza de San
Martiño, a rúa do Paseo e a praza Maior.
Nesta vixésimo cuarta
edición, a MITEU mantén as súas liñas programáticas fundamentais, con
espectáculos de teatro universitario galego, portugués e de diferentes
comunidades autónomas do resto do Estado, xunto con compañías
profesionais e grupos invitados tanto estatais como internacionais.
Participarán nesta ocasión compañías de Portugal, Chile, Costa Rica,
Nicaragua, México e Holanda.
Os encargados de abrir a programación
será o grupo Rosaura, da Aula Universitaria de Ourense, que o xoves 25
representarán a obra Indo e vindo na rúa
do Paseo. Tamén participará nesta xornada inaugural o grupo Cordelia,
tamén da Aula universitaria de Ourense, que escenificará O corpo estelar no Teatro Principal de Ourense.
Ademais
do director xeral de Políticas Culturais, tamén participaron nesta
presentación, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o director da MITEU,
Fernando Dacosta, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.