A Deputación da
Coruña, a través do Plan de Emprego Local (PEL), destina durante 2019 un
orzamento de 3 millóns de euros para apoiar aos
concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes na contratación de
persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos.
O organismo
provincial publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia as asignacións
económicas que correponden a cada concello, que oscilan entre os 19.000 e os
52.000 euros, en función do número de parados rexistrados en cada
municipio. A totalidade dos concellos
coruñeses que optaban a estas axudas obtiveron as subvencións, agás Rois, por
non ter aprobada e presentada ante os órganos de control externo a última conta
xeral do municipio.
Segundo subliñou
o presidente provincial, Valentín González Formoso, a Deputación manterá en 2019
a súa aposta polo emprego como a principal prioridade e o eixo transversal de
todas as súas políticas. Neste sentido,
Formoso lembrou que a liña de apoio aos concellos do PEL, que nos exercicios
2017 e 2018 permitiu a creación de 921 postos de traballo nos concellos coruñeses,
aspira a crear este ano arredor de 500 novos empregos, priorizando a inserción
laboral das persoas con maiores dificultades.
Coa súa
asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar, ata o
31 de decembro de 2019, os custos salariais e de seguridade social derivados da
contratación de novo persoal que se destinará á mellora dos servizos municipais
básicos.
Os operarios, que
deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas, realizarán
labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mantemento de
alcantarillado e alumeado público, melloras no acceso aos núcleos de poboación
e pavimentación de camiños, mantemento de parques e xardíns ou traballos nas
bibliotecas municipais.
Destinado a persoas con dificultades de inserción laboral
A Deputación esixe
nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles
colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa
duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a
fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas
en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado
entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.
Dentro destes
colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente
programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados
ou financiados polas administracións públicas.
Apoio a pemes, autónomos, emprendedores e ao rural
O PEL-Concellos é
unha das tres liñas principais de
actuación que inclúe o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña. O
programa contempla un investimento global de 30 millóns no período 2016-2019
para estimular a creación de 3.000 novos postos de traballo directos nos
sectores público e privado, así como apoiar as iniciativas emprendedoras
nacidas na provincia.
Ademáis deste
programa de apoio aos concellos para a xeración de emprego, a institución
provincial ten activas as liñas PEL-PEMES, que subvenciona a autónomos e
pequenas e medianas empresas da provincia o 75% dos custes salariais da
contratación de novo persoal e PEL- Emprende, que inclúe accións de fomento da
iniciativa empresarial para empresas de recente creación, promoción dos
viveiros de empresas e espazos de coworking.
Por outra banda,
no pleno do mes de marzo aprobouse unha liña do Plan de Emprego Local, o PEL-Emprego Sostible no Eido Rural, dotado
con 5.315.739 euros dedicada a impulsar a formación e a creación de emprego nos
municipios rurais da provincia.