O encoro de Velle, en Barra
de Miño (Coles), acolle o vindeiro sábado, a partir das 10:00
horas, o Campionato Galego de Inverno K2/C2 de piragüismo, un evento que
conta coa colaboración da Deputación de Ourense e no que se darán cita
máis de 400 deportistas de 35 clubs. Organizado pola Federación Galega
de Piragüismo, Fluvial Allariz e o Concello de Coles, “este campionato é
a terceira vez que se celebra neste municipio, acadando nas anteriores
edicións un éxito de público e participantes”, destacou o vicepresidente
da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación que tivo
lugar hoxe no Pazo Provincial, salientando “a grande afección que
existen nesta especialidade deportiva, que conta cun importante número
de participantes na categoría de veteranos”.
O
alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, remarcou “a importancia deste
acontecemento deportivo para o municipio” e agradeceu o apoio público e
privado para o desenvolvemento da proba, mentres que o presidente de
Fluvial Allariz, José Manuel Fernández, dixo, no aspecto técnico, que a
lámina de auga e as condicións ambientais do encoro de Velle “son
excelentes para competir”. Pola súa banda, o asesor de Deportes da
Deputación de Ourense, Bernardino González, puxo en valor a importancia
da cooperación entre institucións, “que favorece que Ourense sexa unha
gran plataforma para o deporte”, e o coordinador do programa “Xogade”,
Manuel Pérez, subraiou a aposta da Secretaría Xeral para o Deporte polo
piragüismo, “que está a acadar uns niveis do máis destacado”. Departamento de comunicación / Deputación de Ourense