A Coruña | A Deputación da Coruña destina este ano un total
de 6.921.085,40 € ao financiamento dos Servizos Sociais dos concellos a través
dunha liña de axudas da que se benefician todos os municipios de menos de
20.000 habitantes da provincia.
As asignacións por municipios e as horas de
servizo de asistencia no foga concedidas a cada un deles pubícanse hoxe no
Boletín Oficial da Provincia.
O presidente da Deputación, Valentín González
Formoso, destacou o importante esforzo inversor que realiza a Deputación para
axudar a manter “un servizo público esencial” como os servizos sociais e
servizos de asistencia no fogar dos pequenos concellos coruñeses.
Neste sentido, destacou o gran traballo levado a
cabo pola áea de Benestar Social e lembou que o Goberno provincial incrementou esta
liña de 4 a 7 millóns de euros “para dar o mellor servizo e atender ás persoas
que máis o necesitan”, permitindo á cidadanía “contar con servizos sociais
profesionais e de calidade, independentemento do lugar onde vivan”.
"A convocatoria para os servizos sociais
municipais é un dos piares da nosa área e fundamental para estar á beira da
xente que máis o precisa", destacou a deputada de Servizos Sociais, Ánxela
Franco.
O BOP
O BOP publica hoxe a
resolución da liña de axudas aos
servizos sociais municipais aos que, nesta nova convocatoria, a Deputación da
Coruña destina un total de 6.921.085,40 €, un orzamento que se duplicou con
respecto á pasada edición co fin de mellorar a calidade do servizo, ao incluír
por primeira vez o financiamento de persoal administrativo adscrito e
establecer un prezo de 12 euros/hora para a axuda social básica no fogar.
A convocatoria, dirixida a concellos de menos de
20.000 habitantes -83 na provincia- ten como obxectivo contribuír á
"igualdade e á mellora na calidade
e eficiencia dos servizos que atenden ás persoas que máis o necesitan e
contribúan a que os concellos de menor poboación podan ofrecer servizos sociais
de calidade". Coas melloras aprobadas o pasado ano, que incluía o
financiamento de persoal administrativo, o persoal técnico municipal liberouse
de tarefas que estaban a asumir co fin de dedicarse integramente a atender ás
persoas que son beneficiarias dos servizos sociais municipais o que reverteu na
súa mellora.
A deputada Ánxela Franco lembrou que desde a área
de Servizos Sociais estanse a elaborar as conclusións do Plan de Accións de
Servizos Sociais "Rede de Concellos para o Benestar" que vai ofrecer
unha análise en profundidade da realidade social dos concellos da Coruña co fin
de elaborar políticas eficientes que optimicen a xestión dos recursos.
"Para realizar unha xestión óptima dos investimentos é preciso coñecer o
estado dos servizos e os recursos e este estudo ofrecerá un completo mapa da
situación que permitirá continuar coas melloras que xa estamos aplicando nunha
área de especial interese para a mellora da vida das persoas", sinala
Ánxela Franco. Resolución completa no BOP