A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, impartirá novos
cursos gratuítos de condución segura de motocicletas as dúas primeiras
fins de semanas de maio. O prazo de inscrición nestas xornadas formativas abrirá o vindeiro luns, 22 de abril. Na seguinte ligazón pódese ampliar a información sobre estas actividades e enviar o correspondente formulario para inscribirse.
Estes
cursos terán lugar o sábado, 4 de maio, en Santiago de Compostela; o
domingo, 5 de maio, en Lalín; o sábado, 11, en Vigo; e o domingo, 12, en
Monforte de Lemos. As actividades están dirixidas aos usuarios de
todo tipo de motocicletas, incluídos aqueles con permiso de conducir
B+3, A1, A2 e A que queiran mellorar o control da moto dun xeito máis
seguro e eficiente.
Esta edición consta de 160 prazas, polo que en
cada localidade celebraranse dous cursos, un pola mañá e outro pola
tarde. Cada grupo estará integrado por un máximo duns 20 alumnos co fin
de poder ofrecer a formación nunhas condicións óptimas. A
formación constará dunha parte teórica, na que se abordarán asuntos como
o equipamento para a protección individual, o estado e mantemento da
motocicleta, as situacións de risco como a climatoloxía adversa, as
freadas, os xiros ou os adiantamentos.
Os asistentes tamén levarán
estes conceptos á práctica coa realización de manobras en parado,
accións de axilidade e equilibrio, freadas, traxectorias e un itinerario
final que inclúe todos os movementos anteriores. A Axencia Galega de Infraestruturas conta coa colaboración da Unión
de Moteros Europeos, Pons Seguridad Vial e da Escuela Nacional de
Conducción de Motocicletas para a organización desta iniciativa.
O
Goberno galego comezou a impartir este tipo de cursos no ano 2017, xa
que a seguridade viaria é unha materia estratéxica e prioritaria, con
especial atención aos usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns,
ciclistas e tamén o colectivo de motoristas.
Estas accións de
sensibilización forman parte do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020,
que engloba un conxunto de medidas e liñas de traballo que teñen como
obxectivo reducir a sinistralidade viaria.