A Secretaría Xeral para o Deporte, a
Universidade de Santiago de Compostela e a Real Federación Galega de
Fútbol veñen de presentar unha nova edición do Congreso Internacional
sobre fútbol, fútbol sala e psicoloxía que terá lugar na Facultade de
Psicoloxía do Campus Vida entre os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño en
xornada intensivas de 9,00 a 21,00 horas.
O programa conxuga
sesións teóricas na quenda matinal, con arredor de 145 relatorios
agrupados en 31 mesas temáticas, e dúas sesións prácticas pola tarde nas
instalacións deportivas da USC onde se desenvolverán diversos
obradoiros de fútbol e fútbol sala. Ademais está prevista tamén unha
exposición permanente de pósteres e traballos presentados de maneira
gráfica polos participantes. No congreso daranse cita relatores
procedentes de 33 universidades de todo o mundo e de 57 clubs e
entidades deportivas de España, Portugal, Reino Unido, Arxentina,
México, Colombia, Brasil ou Estados Unidos.
O subdirector de Plans
e Programas, Jorge Rubén Sampedro, presentou o congreso como unha
“plataforma pioneira de transferencia directa de coñecemento da
Universidade ao contorno do fútbol e do fútbol sala, un proxecto
orixinal deseñado integramente en Galicia que ofrece formación única a
nivel internacional sen antecedentes noutros países”.
Os temas que
se tratan neste terceiro Congreso Internacional son temas que tamén
teñen moito peso actualmente nas políticas que leva a cabo desde a
Secretaría Xeral para o Deporte como as liñas estratéxicas para o
deporte galego; o rol dos pais e das nais que tanto nos axudan en
programas como o Xogade;o fútbol feminino e o fútbol adaptado, que
entre outras iniciativas vimos de poñer en marcha un canle web da CRTVG
para que teñan maior visibilidade; ou mesmo a prevención da violencia no
fútbol, tras levar a cabo a primeira reunión con contido da Comisión
Galega de Control da Violencia e a apertura dos primeiros expedientes
sancionadores.