Os concellos ourensáns de Vilamarín e A Gudiña acollerán esta fin de
semana os primeiros concertos de Camiños Sonoros, o novo ciclo musical
impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa
Asociación de Xuventudes Musicais Eixo Atlántico que, no marco da
programación do Xacobeo 21, divulga o Camiño de Santiago a través da
música e conta coa participación de estudantes de conservatorios
profesionais de música da Comunidade.
Celebraranse un total de 40
concertos gratuítos, dirixidos ao público xeral que terán lugar durante
as fins de semana de maio, xuño e xullo en diferentes emprazamentos de
interese patrimonial na Vía da Prata como, entre outros, o Castelo de
Monterrei, o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de
Liñares en Lalín ou o Pico Sacro, en Boqueixón, percorrendo as tres
provincias galegas polas que atravesa este itinerario xacobeo.
Os
concertos correrán a cargo de máis de 100 estudantes de conservatorios
profesionais situados na Vía da Prata como os de Xinzo de Limia,
Ourense, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, así como con alumnos
dos dous conservatorios superiores, o de Vigo e o da Coruña. As
actuacións musicais, de balde para o público, incluirán un repertorio de
diferentes estilos e nalgúns casos combinaranse con breves explicacións
dos intérpretes.
Camiños Sonoros incluirá tamén unha acción
especial o 2 de xuño en Santiago de Compostela. Trátase do Concerto dos
embaixadores, coa participación dos músicos Susana Seivane, Abe Rábade e
Víctor Prieto -todos nacidos nalgunha localidade da Vía da Prata, ou
con especial relación con algunha delas- que actúan como embaixadores
desta iniciativa.
O Camiño a través da música
Este ciclo
musical forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no
calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que prioriza melloras
e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata en 2019.
Ademais de divulgar o Camiño de Santiago a través da música, este
festival afondará tamén na profesionalización do sector musical. Por
iso, incluirá unha xornada formativa de autoemprendemento musical, con
clases sobre ferramentas e habilidades para desenvolver unha carreira
profesional dentro da música e cun grupo de actores da Escola Superior
de Arte Dramática de Galicia (ESADg). Programación