El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O proxecto Ronsel continuará coa recuperación do patrimonio cultural inmaterial galego

07-05-2007

As universidades galegas continuarán co labor de recuperación do patrimonio cultural inmaterial galego co proxecto Ronsel. O Goberno galego e as universidades retoman así un traballo iniciado por distintas asociacións e axentes sociais como o programa "onte nas ondas"ou as Escolas Asociadas á Unesco. Os reitores das universidades de Santiago, Senén Barro; da Coruña, José María Barja; e de Vigo, Alberto Gago, asinaron un convenio de colaboración coa conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, co conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, e co director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Edelmiro López, para emprender este traballo, que coordinará o profesor Iván Area dende a Universidade de Vigo. As regueifas, as lendas, as técnicas artesanais e os saberes ligados á natureza son algunhas das cuestións que formarán parte de Ronsel, un proxecto que, segundo a conselleira de Cultura, trata de "mirar ao futuro sen perder de vista o pasado". As universidades realizarán un inventario completo de patrimonio inmaterial. Os investigadores aproveitarán o traballo feito ata o de agora por distintos colectivos, continuarán co traballo de campo e establecerán pautas para continuar coa investigación nun congreso que se celebrará en breve. O proxecto inclúe tamén a organización de itinerarios e campamentos para difundir as tradicións populares do medio rural e os xogos populares, Mostras de Patrimonio Cultural Inmaterial e encontros coas persoas que manteñen vivas estas tradicións.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias