O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 158
prazas para os corpos de Policía Local de 28 concellos galegos. Trátase
da segunda convocatoria unificada que pon en marcha a Xunta. A primeira
convocouse o pasado ano con 38 persoas para 23 concellos.
O prazo
para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio
se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20
días hábiles. A convocatoria do DOG establece os requisitos necesarios
para poder inscribirse, entre os que se inclúen criterios como a
formación e estatura mínima, ou os permisos de condución.
A
convocatoria que se publica hoxe diferencia entre prazas por oposición
libre (132) e por concurso (26), destinadas estas últimas aos policías
xa en exercicio que cambian de concello.A oposición contará con 5
exercicios: un test de coñecemento sobre o temario publicado, proba de
coñecementos do idioma galego, probas físicas, psicotécnicas e
recoñecemento médico. Está previsto que este novo proceso estea
rematado a finais deste ano e, a continuación, comezará o curso
selectivo, tamén na AGASP.
Os concellos que convocan prazas nesta
convocatoria son: A Coruña, A Guarda, Bueu, Cangas, Fene, Ferrol,
Fisterra, Gondomar, Lugo, Marín, Moaña, Mugardos, Narón, O Grove,
Ortigueira, Ponteareas, Pontedeume, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Ribeira,
Sada, Santiago de Compostela, Valdoviño, Vilagarcía de Arousa, Vilalba,
Viveiro e Xinzo de Limia.
Proceso de selección unitario
A
finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para
regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente,
decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos
de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións,
orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso
de maior transparencia e axilidade. Ademais, a confección de listas
única facilita tamén a contratación.
Así, o ano pasado foi a
primeira vez que se levaron á práctica estes procesos unitarios, cun
alto grao de satisfacción. Entre maio e xuño de 2018 celebráronse as
primeiras probas de auxiliares, con 109 prazas ofertadas. En novembro de
2018 comezou o primeiro proceso de selección para a categoría de
policía local, con 38 prazas.
En abril deste ano convocouse a segunda
convocatoria para auxiliares, con 155 prazas. O proceso rematou este
mesmo mes de xuño coa adxudicación de postos. Agora, coa convocatoria
publicada hoxe no DOG, dáse comezo á segunda convocatoria para cubrir
postos de policías. A día de hoxe xa son 70 os concellos que delegaron na Xunta de Galicia a selección do seu persoal de policía local.