A CORUÑA | Valentín
González Formoso foi hoxe reelexido presidente da Deputación da Coruña cos 17
votos que suman os grupos provinciais do PSdeG-PSOE (11 deputados/as), BNG (4),
Marea Atlántica (1) e Alternativa dos Veciños (1), fronte aos 14 obtidos pola
candidata do Partido Popular, Rosa Gallego Neira, no pleno extraordinario de
constitución da nova corporación.
No seu discurso de investidura, Formoso agradeceu os apoios recibidos para
renovar un cargo que asume con “humildade e orgullo” e “coa ilusión do primeiro
día”, pero sobre todo “coa enorme responsabilidade de seguir gobernando unha
provincia que é o motor social, cultural e económico de Galicia”.
“Seguirán atopando en min a un presidente co seu despacho sempre aberto,
con disposición permanente ao diálogo e o consenso, como sempre temos feito
nesta Deputación, e sempre con bós resultados”, afirmou o presidente, que se
comprometeu a liderar “un goberno provincial que pense nas próximas xeracións,
non nas próximas eleccións, e que teña os pés ben asentados na terra e a mirada
no horizonte”.
Valentín González Formoso destacou que a Deputación é “unha institución
bicentenaria, que ten sido testemuña
privilexiada dos avatares da nosa historia” e invitou a unha reflexión “sobre o
reto apaixoante e o avance democrático que suporía a elección directa pola
cidadanía dos seus representantes nas corporacións provinciais”
Neste sentido, apuntou que “presidir a Deputación da Coruña nos últimos
catro anos deume a oportunidade de coñecer mellor esta provincia e valorar o
seu enorme potencial”, polo que se comprometeu a “seguir percorrendo as
estradas e os camiños, escoitando aos alcaldes e alcaldesas e aos seus veciños”
e supervisando os numerosos servizos e infraestruturas impulsados pola
Deputación “que chegan ata o último recuncho do noso territorio e axudan a
mellorar a vida das persoas”.
Investimentos que, en boa medida, débense á posta en marcha do Plan Único,
o maior plan de cooperación das catro deputacións galegas e un dos maiores de
España e que, en apenas tres anos, supuxo un investimento de 283 millóns de
euros, unha cifra nunca antes alcanzada na historia da Deputación.
“Pero máis alá dos números, o Plan Único activou un novo modelo de
cooperación cos concellos que nos volveu a situar na vangarda estatal, abrindo
un camiño que hoxe están a seguir outras deputacións de España”, afirmou
Formoso, que vaticinou que “nos vindeiros anos escoitaremos falar de moitos plans
únicos en moitas deputacións” e subliñou que “como pioneiros nese camiño,
correspóndenos seguir desenvolvendo, innovando e mellorando este potente
instrumento de colaboación cos municipios, a principal razón de ser desta
institución”.
Revitalización “urxente e inaprazable” do rural
coruñés
No seu discurso, González Formoso subliñou que, no mandato que hoxe comeza,
a loita contra o despoboamento do rural coruñés “será un dos obxectivos
prioritarios e transversais” do seu goberno. “A regresión demográfica e o baleiramento do rural é a día de hoxe un
problema de Estado”, un reto “urxente e inaprazable que debemos enfrontar coa
implicación e coordinación de todas as administracións públicas nunha gran
alianza contra esa nada que avanza imparable e que ameaza con levarse as nosas
raíces e a nosa forma de vida, convertendo ao rural galego nun deserto nas
vindeiras décadas”, afirmou.
O presidente anunciou a creación
dunha Axenda Rural Provincial que servirá “como eixo planificador e vertebrador
das numerosas accións que leva a cabo a Deputación neste eido” cos obxectivos
de impulsar a mellora do nivel de vida, a creación de emprego e a fixación de
poboación nos pequenos municipios coruñeses.
Neste sentido, anunciou tamén un primeiro paso: a concesión por parte do
Goberno de España de preto de 1 millón de euros de financiamento para dous
novos programas de loita contra a “España vaciada”. Uns fondos que se destinarán
a creación de dúas novas liñas do Plan de Emprego Local (PEL) que terán como
obxectivo fomentar a innovación e o emprendemento e garantir o relevo
xeneracional nas pequenas empresas do rural.
O emprego, principal ocupación
González Formoso lembrou que no pasado mandato, as políticas de emprego da
Deputación pasaron de ser unha simple liña de financiamento aos concellos para
a contratación temporal de cuadrillas de obras a converterse nun dos sinais de
identidade da Deputación da Coruña grazas ao PEL, un ambicioso programa
plurianual, dotado con 30 millóns de euros, que permitiu a 3.000 persoas atopar
un emprego.
“Quero dicirlles aos 53.400 coruñeses e coruñesas que siguen vivindo o
drama do desemprego que van a seguir sendo a nosa principal principal
preocupación e a nosa principal ocupación”, afirmou o presidente, que anunciou
que o PEL “seguirá crecendo e desenvolvéndose neste mandato” coa posta en
marcha da Rede Provincial de Espazos de
Coworking destinada “a aproveitar o talento emprendedor da nosa xente moza,
para que podan traballar e atopar na nosa terra as oportunidades que as
anteriores xeracións non tiveron”. A Rede contará con centros en Oleiros, Ames,
Brión, Carballo e Boiro.
No ámbito económico, Formoso anunciou tamén que a Deputación “seguirá
liderando e apoiando proxectos de carácter estratéxico para a nosa provincia”,
entre os que citou “a creación dunha zona franca que apuntale o liderado
exportador da Coruña e contribúa ao desenvolvemento integral do territorio
provincial e galego” e a “necesidade urxente de reactivar o sector industrial e
da construción naval”, así como “impulsar a modernización do noso mar e o noso
agro”.
Mobilidade sostible
O presidente da Deputación afirmou que cuestións coma os servizos sociais,
a mellora dos 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas, a cultura, o
turismo ou a mobilidade sostible seguirán sendo prioridades tamén para o
goberno provincial.
Neste sentido, anunciou que a Deputación vén de recibir nos últimos días
confirmación oficial da concesión de 4 millóns de euros de fondos FEDER que
tiña solicitados para facer realidade diversos proxectos que contribuirán a
potenciar o turismo e a mobilidade sostible na provincia, entre eles as Sendas
dos Faros en Ferrolterra, Costa da Morte e Barbanza e a Vía Verde
Santiago-Cerceda, que permitirá percorrer a pé ou en bicicleta os 36,5
quilómetros que separan ambas localidades nun itinerario singular construido
sobre as antigas vías do ferrocarril.
Alundido á “identidade coruñesa”, “á historia común que nos trouxo ata
aquí” e a importancia social e cultural da Coruña, o presidente González
Formoso instou aos membros da corporación a “seguir traballando unidos por una
Deputación e unha provincia da que todos nos sintamos orgullosos” e “por un
futuro mellor para a cidadanía e para os concellos coruñeses”.
Vicepresidente e portavoz
Ao remate do pleno, González Formoso asinou o decreto polo que nomea como
novo vicepresidente a Xosé Regueira Varela
e portavoz do Goberno provincial a Bernardo Fernández Piñeiro. Departamento de comunicación