O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o
presidente do Casino de Santiago, Ubaldo Rueda, anunciaron hoxe en rolda
de prensa celebrada na sede do Casino o nome da obra gañadora da XIV
edición do Premio Novela Europea promovido por esta institución
compostelá co patrocinio de El Corte Inglés e o apoio da Secretaría
Xeral de Política Lingüística. Trátase de Terra de campos, do escritor
David Trueba (Ed. Anagrama), quen se impuxo coa súa novela ás outras
catro finalistas: Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantxa
Portabales; Perdón, de Ida Hegazi; Recursos Inhumanos, de Pierre
Lemaitre, e Toda unha vida, de Robert Seethaler.
Valentín García
recordou que “o galardón será xa na súa vindeira edición Premio Novela
Europea Camiño de Santiago e se abrirá tamén as cidades europeas de
Moscova, Berlín, París, Vannes e Viseu, ademais de a outras tres
españolas, o que supón un paso máis na promoción e proxección exterior
de obras escritas en lingua galega“.
Como vén sendo habitual, o
xurado do XIV Premio Novela Europea Casino de Santiago estivo composto
por tres seccións que debían elixir a obra gañador entre unha das cinco
novelas europeas previamente seleccionadas por unha comisión de
expertos. A sección A, cun peso do 40% na decisión final, intégrana
todos os residentes, estudantes e persoas que desenvolvan a súa
actividade profesional na capital de Galicia; a sección B, cun peso do
10%, inclúe todos as persoas asociadas ao Casino e a sección C, cun peso
do 50%, confórmana representantes de distintos sectores sociais de
Santiago e doutros países.