O Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e
Popular de Galicia, que organiza a Xunta nos Pendellos de Agolada
(Pontevedra), do 5 ao 7 de xullo, inclúe un ano máis na súa programación
a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto no que a Artesanía de
Galicia se une coa cociña galega máis vangardista a través de
demostracións gastronómicas de prestixiosos chefs galegos.
Nun
espazo único como é o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, os
asistentes aos showcookings poderán degustar menús elaborados por
prestixiosos profesionais da mellor gastronomía galega e servidos en
pezas de Artesanía de Galicia. Os cociñeiros do Grupo Nove Lucía Freitas
(unha estrela Michelin e un Sol Repsol), Héctor López (dous Soles
Repsol) e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, así como o chef Alén Tarrío,
realizarán demostracións culinarias durante a próxima fin de semana nas
que empregarán pezas de cestería tradicional: de Antonio Suárez Dávila
(Vigo); cerámica dos obradoiros de Laura Delgado (Cambre); Ojea Estudio
(Vigo); Branqueta (A Coruña); Nacho Porto (Carnota); Regal Cerámica
(Viveiro); e Fernando Porto (A Estrada).
Empregaranse tamén cestas
elaboradas con corda de algodón do obradoiro Degerónimo (Santiago de
Compostela) e encaixes de Concha Canoura (Culleredo). Os cubertos serán
de Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada), as pezas de madeira estarán
elaboradas por Armaior (Quiroga), Atalanta Madera (A Estrada), Lorenzo
Design (Santiago de Compostela) e Ferradáns (A Estrada).
As
sesións de showcooking iniciaranse o venres ás 15,00 horas, con Lucía
Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela). O sábado o
cociñeiro Héctor López, do Restaurante España (Lugo), realizará dúas
demostracións, ás 13,30 e ás 15,00 horas, mentres que Alén Tarrío, do
Pampín Bar (Santiago de Compostela), encargarase da demostración a
partir das 20,30 horas. O domingo, será Javier Rodríguez Ponte “Taky”,
do Catering Boketé (A Coruña), o que se encargará de realizar dous
espectáculos gastronómicos, ás 13,30 horas e ás 15,00 horas.
A
programación de Artesanía no Prato completarase con dúas degustacións
que terán lugar no mesmo espazo que os showcooking. O venres ás 20,00
horas está previsto realizar unha cata de viños certificados por Galicia
Calidade, a cargo da enóloga Cristina Murga e o domingo ás 19,00 horas o
barista Óscar de Toro dirixirá o taller Sensacións do Sabor. Para
poder asistir a calquera das actividades de Artesanía no Prato é
preciso inscribirse previamente no teléfono 692 843 313 (en horario de
9,00 horas a 14,00 horas) ou no correo electrónico
info@comunic-artecomunicacion.com.
Produtos gourmet
Estes
showcooking e degustacións forman parte dunha oferta gastronómica que se
complementa con 47 expositores de produtos gourmet (14 da provincia da
Coruña, 10 de Lugo, 6 de Ourense e 17 de Pontevedra). Haberá postos de
viños, licores, proxectos innovadores de conservas, produtos elaborados
con castaña, fabas, cervexas artesás, embutidos de porco e galo celta,
meles e doces, entre outros, e nas proximidades dos Pendellos estarán a
disposición dos visitantes 3 food trucks.
O proxecto Artesanía do
Prato foi unha iniciativa que botou a andar na segunda edición do
Corazón da Artesanía (en 2013) grazas á colaboración de cociñeiros do
Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca. Esta iniciativa está
a medrar co paso de cada edición e permite que talleres de artesanía de
diferentes oficios entren en contacto directo con profesionais do
sector da gastronomía. Froito destes anos de traballo están a xurdir
proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son
máis numerosos.
O Corazón da Artesanía, impulsado pola Consellería
de Economía, Emprego e Industria, convértese cada ano nun evento
integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios
artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas
artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Ademais dos
postos de exposición e venda, cun total de 66 artesáns de 27 oficios
diferentes e 47 expositores de produtos de alimentación, durante os tres
días que dura o evento os visitantes poderán ver demostracións de
oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os
públicos nos que iniciarse na artesanía.