A Consellería de Cultura e Turismo achega
este ano o programa ‘Cultura no Camiño’ a unha vintena de concellos da
provincia de Lugo polos que discorren diferentes rutas xacobeas, que son
beneficiarios das axudas convocadas pola Xunta de Galicia para a
contratación de actuacións escénicas e musicais que se desenvolven ata o
30 de setembro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José
Manuel Balseiro, explicou que as subvencións concedidas nesta provincia
suman 50.000 euros, para apoiar o financiamento das actuacións de
teatro, danza, música, novo circo ou maxia contratadas ao abeiro deste
programa. Segundo establecen as bases da convocatoria, os gastos
asumiranse de xeito compartido entre a Administración autonómica e as
locais, en diferentes porcentaxes dacordo co número de habitantes de
cada localidade. No caso da provincia de Lugo, cada concello
participante percibe unha axuda de 2500 euros.
A programación
estenderase por diferentes concellos lugueses do Camiño Norte
-Mondoñedo, Guitiriz, Begonte, Vilalba, Trabada, Barreiros e Ribadeo-;
Camiño Primitivo -A Fonsagrada, Guntín, Castroverde, Friol e Baleira-;
Camiño Francés -Paradela, Palas de Rei, Sarria e Portomarín-; e Camiño
de Inverno -Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada e Pantón-.
Son os
programadores culturais de cada municipio os encargados de configurar
as súas carteleiras a partir do catálogo artístico que se pon á súa
disposición a través de www.galescena.gal,
o portal que mantén a Xunta para a xestión das súas redes de
espectáculos. A través desta mesma web, as formacións artísticas galegas
de carácter profesional achegaron as súas propostas de teatro, danza,
música, narración oral, novo circo ou maxia para este circuíto.
‘Cultura
no Camiño’ mantén como obxectivo desde as súas orixes contribuír á
dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago nos meses de
maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como período de
desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de setembro de 2019.