Xa está aberto o prazo de solicitude da segunda edición da
convocatoria de 2019 do programa Fábrica Intelixente, que ten como
obxectivo apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar
cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia, en liña co reto 2
da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e a
Axenda Galicia Industria 4.0. Para este segundo prazo, que pecha o 31 de
xullo de 2019, a Axencia Galega de Innovación da Consellería de
Economía, Emprego e Industria ten reservado un crédito de 6,4 millóns de
euros.
Os destinatarios destas axudas son empresas -de calquera
tamaño- capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico ou
agrupacións dunha empresa ou empresas cun organismo de investigación,
ambos con centro de traballo en Galicia. O tipo de proxectos
financiables son proxectos de investigación industrial, desenvolvemento
experimental e innovación en materia de organización e procesos,
individuais ou en cooperación, cun orzamento de entre 2 e 10 millóns de
euros. A intensidade das axudas varía en función do tipo de proxecto e
do tamaño da empresa, podendo chegar ata o 80%.
Outros requisitos
esixibles para acceder á convocatoria son: ter unha duración mínima de 3
anualidades e máxima ata o 30 de xuño de 2022; ser estratéxicos e ter
un efecto incentivador; e facer un uso intensivo das tecnoloxías
facilitadoras esenciais. Entre as principais novidades desta edición
destaca a redución do orzamento mínimo dos proxectos (de 4 a 2 millóns
de euros) para permitir unha maior participación das pemes; o aumento do
prazo de execución dos proxectos (de 2 a 3 anualidades) e a ampliación
do prazo de solicitude, habilitando dúas edicións ao longo do ano para
adaptarse mellor aos tempos das empresas.
Resolución da primeira edición de 2019
Publicouse
a resolución da primeira edición da convocatoria deste ano do programa
Fábrica Intelixente. Nesta primeira fase apoiaranse 5 proxectos nos
sectores da conserva, automoción, naval e TIC. Os proxectos
desenvolveranse ata 2022 e neles participan 7 empresas e un centro
tecnolóxico. Cunha axuda de preto de 6,4 millóns de euros, agárdase que
mobilicen 22,4 millóns de euros, xeren 16 empregos cualificados e
empreguen a 94 persoas en tarefas de I+D+i. Os proxectos financiados
nesta primeira edición de 2019 son: ALBO 4.0, Tecnoloxías dixitais para a
industria conserveira do futuro; FIBER 4.0, Desenvolvemento da Factoría
Intelixente de Benteler Automotive Vigo; F4ST, Desenvolvemento de
Tecnoloxías 4.0 para o Estaleiro do Futuro de Navantia; CLAUDIIA,
Collaborative Layer for Automation and Development of Industrial
Innovative Approache, liderado por Gamelsa, empresa do grupo Televés, en
colaboración co CTAG; e EfiFACTORY, Tecnoloxías 4.0 para a fabricación
eficiente da factoría Borgwarner en colaboración co CTAG.
En
edicións anteriores desta liña de axudas, concedéronse en 2016 dous
proxectos industriais innovadores, liderados por PSA e Televés
respectivamente, con 33,9 millóns de euros que mobilizaron un total de
168 millóns de euros. A través da segunda convocatoria, en 2018,
apoiáronse tres proxectos industriais innovadores con 5,4 millóns de
euros liderados por FINSA, CUPA e COPO, mobilizando 13,7 millóns de
euros.